Maica Larriba garante a máxima colaboración e coordinación co concello de Cangas en materia de seguridade cidadá

Imaxe da reunión

02/07/2019


Durante esta mañá as dúas administracións mantiveron unha xuntanza para analizar a situación que vive a localidade motivada pola falla de persoal na Policía Local


A subdelegada de Goberno, Maica  Larriba, mantivo unha xuntanza co alcalde de Cangas, Manuel Pazos, para analizar a situación en precario que sofren os efectivos responsables da seguridade cidadá nesta localidade, como consecuencia das xubilacións que se produciron no corpo da Policía Local.

Nunha reunión que se celebrou na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a subdelegada, en todo caso, transmitiulle ao alcalde a máxima disposición e colaboración da Subdelegación na seguridade dos veciños e veciñas da localidade.  Larriba dixo ser consciente da necesidade de colaborar en situacións puntuais ata que poidan ter unha resolución definitiva en canto á organización do persoal e para iso tamén contan “co apoio e a coordinación dos corpos e forzas de seguridade do Estado”. Para esta colaboración puntual vai contar coa presenza reforzada de efectivos da Garda Civil que completarán os servizos de vixiancia e seguridade en Cangas.

Por este motivo tamén estiveron presentes na reunión a directora provincial da DGT, Paula  Yubero; o xefe accidental da Garda Civil e o capitán do subsector de Tráfico, Leovigildo Villares.

Maica  Larriba sinalou a importancia na colaboración de tódalas administracións para que a campaña estival na provincia teña a seguridade e benestar que se merece pero tamén recordou as competencias dos concellos sobre as súas vías en materia de tráfico.