A Xunta Local de Seguridade de Melide analiza a posible incorporación da Policía Municipal ao sistema Viogen de seguimento de vítimas de violencia machista


A medida estudarase polo Concello trala incorporación de tres novos axentes policiais

A subdelegada do Goberno e o alcalde presiden a xuntanza da Xunta Local de Seguridade desenvolta no Concello

Analizouse a situación da seguridade no municipio, que nos primeiros oito meses do ano rexistrou un considerable descenso de infraccións penais

08-10-2019

Imaxe da reunión

O Concello de Melide acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se analizou a posible incorporación do corpo da Policía Local ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero Viogen. A xuntanza estivo presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas.

Na reunión, na que estiveron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local ademáis de varios membros do Goberno municipal, quedou reflexada a intención do Concello de Melide para tratar de adherirse ao protocolo establecido entre o Goberno de España e a FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero, que permitirá a incorporación da Policía Local ao sistema de prevención e control das vítimas.

A posible incorporación abordarase de maneira definitiva polo Concello trala incorporación de tres novos axentes nas próximas semanas e será debatida nunha próxima Xunta Local de Seguridade, na que se espera refrendar a decisión.

Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde para conquerir esta incorporación, que permitiría incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que posibilitaría que a Policía Local participara de forma máis activa do proceso de seguimento, vixilancia e prevención das vítimas de violencia machista.

Pilar López-Rioboo felicitouse polo interese do Concello pola integración de maneira definitiva da Policía Local no sistema Viogen de loita contra a Violencia de Xénero, impulsado polo Goberno para promover as actuacións necesarias para as policías locais, no marco da súa colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para que cooperen en asegurar o cumprimento das medidas acordadas polos órganos xudiciais.

Para esta mellora en materia de coordinación, e de acordo ao recollido no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é preciso contar cun convenio entre Ministerio de Interior e o Concello para que a Policía Local poida protexer ás posibles vítimas unha vez valorado o nivel de risco polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A loita contra a violencia de xénero é un dos eixos fundamentais da acción da Delegación do Goberno en Galicia e da propia Subdelegación do Goberno na Coruña.

Ademáis, a Xunta de Seguridade foi informada da convocatoria dunha próxima reunión da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, na que están representantes do Goberno municipal, Subdelegación de Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, ademáis de membros dos servizos sociais e doutros estamentos e servizos que poidan gardar relación coa loita contra a violencia de xénero.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que os índices de criminalidade descenderon nos oitos primeiros meses do ano respecto ao 2018 xa que se evidenciou unha considerable baixada das infraccións penais, de tal xeito que o concello mantense con índices de criminalidade inferiores aos existentes na provincia, na comunidade autónoma e no Estado. É importante destacar que tanto a subdelegada do Goberno como o alcalde mostraron a súa satisfacción pola boa coordinación das forzas de seguridade.

Da mesma maneira, na Xunta Local de Seguridade analizouse tamén a problemática relativa aos horarios de peche dos locais hosteleiros e na necesidade de facer cumprir con maior rigor a lexislación neste sentido.