A Xunta Local de Seguridade de Boiro acorda a reactivación da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero

A Xunta Local de Seguridade de Boiro acorda a reactivación da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero

24/10/2019


A subdelegada do Goberno e o alcalde presiden a xuntanza celebrada esta mañá na Casa do Concello

A coordinación entre as forzas de seguridade permite un lixeiro descenso do índice de criminalidade no municipio


A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, presidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que, entre outros acordos, decidiuse reactivar a Mesa Local de Coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero neste concello coruñés que non se reunía dende o ano 2009. 

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero é un instrumento operativo de traballo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directamente ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero: representantes do Concello, Subdelegación de Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, ademáis de membros dos servizos sociais e doutras institucións, estamentos e servizos que poidan gardar relación coa loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello de Boiro e do seu alcalde  para incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista no Concello optimizando todas as ferramentas que existen para traballar nesta temática.

Na reunión, na que estiveron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local, quedou ademáis reflexada a vontade do Concello de Boiro de estudar a incorporación da Policía Local ao sistema de prevención e control das vítimas VioGen.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou unha lixeira melloría  dos índices de criminalidade neste ano respecto ao 2018 xa que se evidenciou un descenso dun 7% en roubos e furtos e un aumento en delitos vinculados á actividade na internet. É importante destacar que tanto a subdelegada do Goberno como o alcalde mostraron a súa satisfacción pola boa coordinación das forzas de seguridade, que se manifesta como principal causa deste descenso.