A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anuncia o reforzo da seguridade no concello de Sarria

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anuncia o reforzo da seguridade no concello de Sarria

31/10/2019


Isabel Rodríguez reuniuse con cargos públicos e representantes dos comerciantes de Sarria, aos que explicou que a Garda Civil reforzou os servizos en Sarria para garantir a seguridade de veciños e comerciantes

A subdelegada afirma que, grazas á Garda Civil, Sarria ten unha taxa de delincuencia inferior á media galega

Rodríguez destaca a eficacia da Garda Civil no esclarecemento de delitos como o recente roubo cometido nunha tenda de telefonía móbil de Sarria, feito polo que ingresaron en prisión 3 persoas pertencentes a unha organización especializada neste tipo de roubos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, reuniuse hoxe con cargos públicos e representantes dos comerciantes de Sarria aos que anunciou o reforzo posto en marcha nas últimas semanas pola Garda Civil neste concello para garantir a seguridade de veciños e comerciantes.

A subdelegada explicou que, ademais do servizo que presta a Policía Local, Sarria conta con cobertura das forzas de seguridade do Estado durante as 24 horas do día e para aumentar a tranquilidade de veciños e comerciantes, a Garda Civil vén de reforzar os servizos que presta nesta localidade.

Rodríguez informou de que, grazas ao traballo da Garda Civil, a taxa de delincuencia en Sarria manténse por debaixo da media galega e da que teñen outras poboacións importantes da provincia.

Asimesmo, o labor da Garda Civil permitiu o rápido esclarecemento de feitos delictivos rexistrados neste municipio, como o recente roubo cometido nunha tenda de telefonía móbil. A subdelegada explicou que froito do traballo da Garda Civil só unhas horas despois do roubo foron detidas 3 persoas e logrouse recuperar a maioría dos efectos roubados. Nesa operación a Garda Civil logrou desmantelar unha organización criminal especializada en roubos de tendas de telefonía móbil que operaba por todo o país e os tres detidos foron postos a disposición do xulgado que ditou o seu ingreso en prisión.

Neste sentido, a subdelegada destacou que as forzas de seguridade traballan con dedicación e eficacia na persecución da delincuencia e redoblarán os seus esforzos para garantir a seguridadade no concello de Sarria.

A subdelegada estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González, e o comandante do posto da Garda Civil de Sarria, sarxento Roberto López. Na reunión, celebrada este mediodía na subdelegación do Goberno, estiveron presentes tamén o alcalde deste municipio Claudio Garrido; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seijas; o concelleiro do BNG Efrén Castro e tres representantes dos comerciantes de Sarria.