A subdelegada do Goberno supervisa o dispositivo despregado na provincia con motivo das eleccións xerais do 10 de novembro

A subdelegada do Goberno supervisa o dispositivo despregado na provincia con motivo das eleccións xerais do 10 de novembro

31/10/2019


344.445 lucenses están convocados a votar nas eleccións xerais, nas que elixirán 4 deputados e 4 senadores que van representar á provincia de Lugo nas Cortes Xerais

Nos 67 concellos da provincia instalaranse 538 mesas electorais

4.842 cidadáns foron elixidos por sorteo, como titulares e suplentes, para a formación das mesas electorais na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que xa está en marcha todo o dispositivo para a celebración das eleccións xerais o vindeiro día 10 de novembro e destacou o importante traballo que se está levar a cabo para que os lucenses poidan escoller aos seus representantes nas Cortes Xerais. 

Nas últimas horas, a subdelegada presidiu unha xuntanza para a organización do equipo humano que traballará na seguridade dos comicios, tamén visitou o dispositivo encargado de facer chegar a todos os concellos da provincia os medios para a celebración das eleccións. Ademais, a subdelegada comprobou que todo está a punto para os comicios na provincia no simulacro realizado nas últimas horas.

Isabel Rodríguez explicou que nas eleccións xerais do 10 de novembro están chamadas a votar na provincia de Lugo 344.445 persoas, das que 277.219 son residentes nos 67 concellos e 67.226 residen no exterior.  En total o censo descendeu na provincia en 592 electores respecto das elecciones celebradas o 28 de abril.

Nestes comicios, os lucenses escolleremos 4 deputados no Congreso e 4 senadores. Na nosa provincia, son 12 as candidaturas proclamadas para o Congreso e outras 11 para o Senado, unha menos que nas eleccións de abril.

Respecto da loxística preparada para a celebración das eleccións, a subdelegada do Goberno informou de que na provincia haberá un total de 408 locais electorais nos que distribuirán 538 mesas de votación. Ademais, imprimíronse un total de 3.000.000 de papeletas das distintas candidaturas que se presentan ao Congreso dos Deputados e 250.000 papeletas para o Senado.  

Para formar as mesas electorais foron elixidos, mediante sorteos celebrados en todos os concellos da provincia, un total de 4.842 persoas, entre titulares e suplentes. Ademais, 413 representantes da Administracións encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos do reconto do voto.

CALENDARIO ELECTORAL

A campaña electoral para as eleccións xerais desenvolverase entre os días 1 e 8 de novembro. O día 9 de novembro será a xornada de reflexión e as votacións terán lugar o día 10, entre as 9:00 e as 20:00 horas.

VOTO POR CORREO

O prazo de solicitude do voto por correo remata hoxe. A oficina do Censo Electoral envía a documentación antes do día 3 de novembro e ata o día 8 de novembro pódese depositar o voto en calquera oficina de Correos.