A Subdelegación do Goberno en Ourense pretende impulsar a implantación dos “Puntos Violeta” en Concellos que conten con eventos con gran afluencia de público

A Subdelegación do Goberno en Ourense pretende impulsar a implantación dos “Puntos Violeta” en Concellos que conten con eventos con gran afluencia de público

22/11/2019


Emilio González incidiu en que os “Puntos Violeta” constitúen un instrumento máis para combater a violencia de xénero, “como parte dun camiño que ten que basearse nunha política continua e transversal ao longo de todo o ano”

A xornada serviu para coñecer a estratexia do Concello de Pamplona nos campos da prevención, intervención e resposta en materia de violencia sexista, así como dar a coñecer o funcionamento dos denominados “Puntos Violeta” co obxectivo de adaptalos á realidade da provincia de Ourense.

Inscríbese no programa de actos da Delegación do Goberno en Galicia con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero


A Subdelegación do Goberno acolleu na mañá de hoxe o relatorio “Puntos Violeta” con Zaloa Basabe, Técnica de Igualdade no Concello de Pamplona. A xornada serviu para trasladar os recursos e protocolos que se engloban na estratexia municipal deste concello nos campos da prevención, intervención e resposta en materia de violencia sexista, así como dar a coñecer o funcionamento dos denominados “Puntos Violeta” (espazos de atención, información e axuda a vítimas de calquera tipo de agresión sexista en festas e en eventos con gran afluencia de público, ademais de servir como elemento de sensibilización e visibilización ante a sociedade) para poder adaptalos e implementalos nos concellos ourensáns.

Na súa intervención, o subdelegado incidiu en que os “Puntos Violeta” constitúen un instrumento máis para combater a violencia de xénero,  “como parte dun camiño que ten que basearse nunha política continua e transversal ao longo de todo o ano”. Dende a Subdelegación asúmese o obxectivo de impulsalos para implementalos nos distintos Concellos da provincia que contan con eventos festivos que atraen altas concentracións de público como son, entre outros, os Carnavais, a Festa da Istoria, a Festa do Esquecemento, así como en concertos ou festivais.

Así mesmo, Emilio González agradeceu a participación nestas Segundas Xornadas Formativas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller de todos os representantes dos Concellos, colectivos sociais, persoal técnico e membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Zaloa Basabe manifestou que os “Puntos Violeta” supoñen o enclave máis próximo á cidadanía para poder acceder á información sobre os recursos de prevención da violencia sexista, pero “non terían sentido se non foran acompañados de campañas previas de prevención e sensibilización e dun marco de actuación con protocolos que garantan o acompañamento, a intervención e a resposta”.

Incidiu en que ante a violencia sistemática cara as mulleres no ámbito festivo as entidades locais teñen a obriga e o reto de  “non mirar para outro lado e evitar manter espazos de ocio que priven ou ameacen a seguridade e a liberdade das mulleres”.

Zaloa Basabe citou que tralos acontecementos dos San Fermíns do ano 2016 a resposta da cidadanía de Pamplona supuxo un punto de inflexión que serviu para que o concello se reformulase toda a estratexia de prevención e intervención, posto que “as administracións deben adecuar as súas políticas e as súas estratexias ás demandas e necesidades da sociedade, abordando as situacións de desigualdade dende o ámbito da seguridade cidadá, da acción social, da educación e da xuventude, entre outras”.

No ano 2018 o “Punto Violeta” instalado no concello de Pamplona con motivo dos San Fermíns recibiu máis de 16.000 visitas onde, ademais de recabar información, se puideron referir casos de manifestacións sexistas das que se fose testigo (determinados comportamentos, visualización de elementos con mensaxes sexistas...).

XORNADA REIVINDICATIVA

Dentro da programación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25N a Subdelegación do Goberno acollerá unha xornada reivindicativa coa lectura do manifesto e dun relato ás 20 horas, nun acto seguido por unha actuación musical, actividades nas que se anima a participar a toda a cidadanía.

Así mesmo, permanecerá colgada na fachada principal da Subdelegación do Goberno unha pancarta conmemorativa do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.