A Subdelegación do Goberno en Ourense garda un minuto de silencio con motivo da finalización, esta noite, do loito oficial

A Subdelegación do Goberno en Ourense garda un minuto de silencio con motivo da finalización, esta noite, do loito oficial

05/06/2020

Emilio González presidiu o minuto de silencio en recordo dos falecidos polo COVID-19


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, sumouse esta mañá ao minuto de silencio convocado polo Executivo central ás doce do mediodía en sinal de memoria e respecto ás vítimas do coronavirus.

O acto tivo lugar ás portas da sede da Subdelegación e contou coa presenza do alcalde do Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e de diferentes concelleiros municipais. Tamén se contou coa asistencia do tenente coronel da Garda Civil, Rafael López Pinel; do Xefe da Inspección de Telecomunicacións, Enrique San Martín González; da Directora Provincial do INSS e da TXSS, Rocío de Frutos; do Director do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, Francisco González; así como de persoal que presta servizo na Administración Xeral do Estado na provincia.

O subdelegado do Goberno quixo trasladar todo o cariño e apoio ás persoas que se viron afectadas por esta enfermidade e, en especial, ás familias que sufriron a perda dalgún ser querido.

Así mesmo, Emilio González quixo facer un chamamento á cidadanía para seguir mantendo un comportamento cívico e solidario e observar as medidas de prevención e as medidas para reducir a transmisión comunitaria do coronavirus, claves para evitar poñer en risco a saúde das persoas e evitar rebrotes.

Durante este período de dez días de loito, o máis longo da historia democrática española, a bandeira nacional mantívose a media asta no exterior e cun crespón na moharra do mastro no interior de todos os edificios oficiais do país e nos buques da Armada. Esta medianoite, coa finalización do período de loito oficial, os símbolos volverán á súa posición orixinal.