Isabel Rodríguez analiza con Policía Nacional e Garda Civil os dispositivos pola entrada en vigor de novas medidas contra o coronavirus

Imaxe xuntanza de coordinación

13/08/2020

 A subdelegada destaca o esforzo que veñen realizando as Forzas e Corpos de Seguridade e anímaos a manter o mesmo nivel de compromiso e dedicación á cidadanía
 Rodríguez lembra que a batalla contra o coronavirus non acabou e apela á responsabilidade individual para cumprir coa normativa sanitaria


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo esta tarde unha xuntanza de coordinación cos mandos da Garda Civil e a Policía Nacional na provincia  de Lugo para analizar as novas directrices aprobadas pola Xunta de Galicia sobre a xestión e control do COVID-19. Na xuntanza, celebrada esta tarde na Subdelegación do Goberno, participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e o comisario xefe provincial da Policía Nacional, José María Esteban Corral.

 

A reunión foi convocada pola subdelegada para coordinar a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia, tendo en conta as novidades introducidas e tratando de velar polo cumprimento do establecido pola Xunta no territorio da provincia de Lugo.

 

Os responsables da Policía Nacional e da Garda Civil lembraron que ambos os dous corpos de seguridade veñen traballando con intensidade durante as últimas semanas na provincia, logo do remate do estado de alarma sanitaria, ao tempo que insistiron no seu compromiso para manter e intensificar a súa acción tras a entrada en vigor das novas medidas.

 

Así llo trasladou tamén a subdelegada do Goberno, que fixo especial fincapé no reforzo dos posibles dispositivos durante a vindeira fin de semana, nunhas datas nas que se rexistra o maior número de actividades festivas de todo o ano, co que supón de concentración de persoas na meirande parte dos concellos da provincia.

 

Tendo en conta a previsión de numerosas reunións familiares e festivas durante esta fin de semana, ademais de insistir en medidas como a obrigatoriedade do uso da máscara, tamén se tratou sobre a organización, por parte da Garda Civil, da posta en marcha de operativos para o control do tráfico e de alcoholemia xa que se prevé a posibilidade de que se produzan desprazamentos por estrada para gozar de actividades de ocio nocturno.

 

Ademais, na xuntanza abordouse a necesitade de extremar todas as medidas relativas ao cumprimento da distancia social, así como as recomendacións en materia de protección sanitaria. Neste sentido, considerouse necesario facer unha apelación á cidadanía para manter a necesaria e imprescindible responsabilidade individual para seguir avanzando na loita contra o COVID-19.

 

A subdelegada do Goberno destacou que “temos que ser quen de cumprir as normativas e recomendacións sanitarias para non ter que retroceder polo feito de querer ir moi a présa”.  Así, explicou que aínda queda moito por facer e lembrou que é imprescindible non baixar a garda porque a batalla contra o coronavirus non acabou.

 

Ademais, a subdelegada reiterou a súa gratitude e recoñecemento polo gran esforzo desenvolvido durante todos estes meses a todos os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Policía Nacional, Policía Nacional Adscrita, Garda Civil, policías locais, así como ás agrupacións de Protección Civil da provincia de Lugo, aos que eloxiou polo traballo realizado tanto durante o estado de alarma sanitaria como durante o proceso chamado de nova normalidade, no que as competencias e responsabilidades da xestión sanitaria recaen directamente na Xunta de Galicia.

 

Rodríguez recalcou que o seu compromiso coa sociedade lucense demostra, unha vez máis, que constitúen un piar básico do noso Estado de Benestar, ademais de ser garantes da seguridade individual e colectiva. “Son un exemplo de rigor e de profesionalidade que merece o noso recoñecemento”, manifestou a subdelegada, ao tempo que lles pediu que sigan a manter o mesmo nivel de responsabilidade e dedicación ao benestar da cidadanía.