Sanxenxo subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

Sanxenxo subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

22/01/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Sanxenxo, na que se ratificou o novo protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero –Vioxén-, subscrito polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda,

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Sanxenxo na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero VioXén. O protocolo de colaboración foi asinado polo alcalde da localidade, Telmo Martín, e o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda.

Sanxenxo é o cuarto concello da provincia que procede á renovación deste documento, o primeiro trámite, e fundamental, que deben formalizar todos aqueles  municipios que desexen permanecer dentro do sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais.

En primeiro lugar, Maica Larriba quixo agradecer “o compromiso do Concello de Sanxenxo e do seu alcalde na loita en contra da violencia de xénero”. A subdelegada lembrou a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se ofreza ás vítimas unha mellor protección e servizo”.

Larriba lembrou que, nestes momentos, no partido xudicial de Cambados -ao que se adscriben os concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis e Ribadumia-, rexístranse un total de 92 casos incluídos no sistema Vioxén. En particular, no municipio de Sanxenxo contabilízanse 29 casos activos con niveis de risco medio e baixo. A idade media das vítimas sitúase entre 31 e 45 anos.

Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno lembrou que desde o ano 2018 Sanxenxo dispuxo a cantidade 45.130 euros para a realización de actividades contra a violencia de xénero entregados polo Goberno de España a través do Pacto de Estado. En concreto, nos anos 2018, 2019 e 2020 os concellos da provincia de Pontevedra recibiron un total de 1.079.006 euros do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para sufragar gastos e realizar actividades de concienciación.

Por último, a subdelegada lembrou a todas as mulleres que “non estades soas, xa que todas as administracións están involucradas na vosa protección, desde o nivel local ata o estatal” e animou a todas as vítimas “a denunciar coa certeza de que as Forzas e Corpos de Seguridade están a vosa disposición para protexervos e asesorarvos”.

O Sistema VioXén

O Sistema VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.