Javier Losada destaca que o compromiso do Goberno co ferrocarril en Lugo tradúcese na licitación de obras por valor de 262,5 millóns de euros

02/02/2021

O delegado do Goberno anuncia a licitación de cinco novos proxectos para modernizar o ferrocarril entre Monforte e Lugo, que se suman aos concursos xa convocados

Remarca que “a aposta polo ferrocarril de Lugo é clara, os lucenses poden estar seguros porque o Goberno ten a vontade e Adif conta con proxectos e presupostos para levala a cabo”

As licitacións xa están publicadas na Plataforma de Contratación do Estado e, en breve, sairán publicadas no Boletín Oficial do Estado


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou hoxe a licitación de novos investimentos de Adif na provincia de Lugo, que se engaden aos anunciados nas últimas semanas e que “son a mellor proba de que o Goberno cumpre o seu compromiso con Lugo e coa modernización das súas infraestruturas ferroviarias”.

Losada anunciou a licitación de cinco novos contratos para a execución de obras de mellora do ferrocarril entre Monforte e Lugo que suman un importe total de 51.955.294 euros. Con estes novos contratos, explicou “suman 262,5 millóns de euros os distintos contratos anunciados por Adif desde o pasado mes de novembro para modernizar a infraestrutura ferroviaria na provincia de Lugo e, ademais, no mes de xaneiro, adxudicáronse outros dous proxectos máis que suporán un investimento de case 3 millóns”.

“A aposta polo ferrocarril de Lugo é clara, os lucenses poden estar seguros de que traballamos nesa dirección, demostramos que as nosas promesas non son papel mollado, o Goberno ten a vontade e  Adif conta con proxectos e presupostos para levala a cabo”, destacou Javier Losada.

O delegado do Goberno anunciou a licitación dos seguintes contratos de Adif:

  • Execución das obras do proxecto de tratamento de elementos da infraestrutura (pontes, túneis e explanacións) entre os pp.kk. 379+ 750 e 386+474 do treito Monforte-Lugo da liña 800. Importe 9.067.032,13 EUR.
  • Obras de execución do proxecto de tratamento de elementos da infraestrutura (pontes e explanacións) entre os pp.kk. 396+299 ao 405+100 e 413+517 ao 432+265 do treito Monforte–Lugo da liña 800. Importe 13.040.255,22 EUR
  • Obras de execución do proxecto de ampliación do gálibo en pasos superiores, no traxecto non afectado pola variante de San Xiaon, entre Ourense-Monforte-Lugo. Importe 7.586.574,17 EUR.
  • Execución das obras do "Proxecto de tratamento de elementos da infraestrutura (pontes, túneis e explanacións) entre os pp.kk.375+ 305 e 379+750 do treito Monforte - Lugo da liña 800". Importe 8.796.886,38 EUR
  • Obras de do proxecto de tratamento de elementos da infraestrutura (pontes, túneis e explanacións) entre os pp.kk 386+ 474 e 396+299 do treito Monforte-Lugo da liña 800. Importe 13.464.546,91 EUR.

Engadiu que estas licitacións xa están publicadas na Plataforma de Contratación do Estado e, en breve, tamén se publicarán no Boletín Oficial do Estado.

Nos últimos meses Adif licitou distintos contratos para a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, que inclúen obras como a renovación da vía, a mellora da sinalización e telecomunicacións, a electrificación da liña e a construcción do túnel de Oural, así como as obras de construcción da subestación eléctrica de Oural e os centros de autotransformación ou a  execución de peches en zonas urbanas e pasos viciosos no treito Monforte de Lemos-Lugo.

Ademais, no mes de xaneiro Adif adxudicou os contratos para a redacción dos proxectos de mellora de infraestrutura e vía no treito Covas-Monforte de Lemos e para a ampliación de vías de apartado ata 750 metros de lonxitude útil en varias estacións do treito León-Monforte, dentro dos plans para potenciar o tráfico de mercadorías por ferrocarril.