A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 1.852 controis na provincia durante os últimos sete días

14/04/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance das accións de control e prevención levadas a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade na provincia. Larriba destacou o alto cumprimento das normas no ámbito da hostalaría.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; o comisario provincial accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 7 ao 13 de abril, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 1.852 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.809 axentes, se identificaron a 5.845 persoas, se controlaron 3.514 vehículos e se elevaron 211 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 1.661 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 37 sancións.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos catorce días 1.661 controis nos que participaron 1.119 efectivos. Nestes operativos 4.742 persoas foron identificadas, 3.352 vehículos foron controlados e 38 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 1.376 controis e interpuxo 29 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 123 controis na provincia que contaron coa participación de 565 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 1.024 persoas e 158 vehículos, 5 persoas foron detidas e se elevaron 165 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 193 controis e interpuxo 8 sancións.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 68 dispositivos nos que identificou a 79 persoas, controlou 4 vehículos e interpuxo 8 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 125 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 92 inspeccións en establecementos nas que non se produciu ningunha denuncia.

A subdelegada do Goberno salientou que as cifras de sancións, as máis baixas dos últimos meses, evidencian “un seguimento exemplar das normas por parte cidadanía de Pontevedra”. Neste sentido, Larriba destacou o alto cumprimento da normativa no ámbito da hostalaría, onde apenas se rexistraron infraccións. Así mesmo, a subdelegada avanzou que, unha semana máis, os corpos de seguridade darán continuidade ás actuais campañas de información e supervisión das restricións vinculadas á COVID-19.

Por último, Larriba lembrou que o único concello da provincia que se mantén no nivel alto de restricións decretado pola Xunta de Galicia é O Grove. A subdelegada recordou á cidadanía que “este concello permanece pechado perimetralmente, polo que queda prohibida a entrada e saída do municipio ás persoas non residentes, salvo nos casos que contempla a normativa vixente”.