A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 1.257 controis na provincia durante os últimos cinco días

04/05/2021

 A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance das accións de control e prevención levadas a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade na provincia.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 29 abril ao 3 de maio, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 1.257 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.264 axentes, se identificaron a 4.241 persoas, se controlaron 2.770 vehículos e se elevaron 43 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 999 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, nos que interpuxeron 30 sancións.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos cinco días 1.117 controis nos que participaron 837 efectivos. Nestes operativos 3.489 persoas foron identificadas, 2.530 vehículos foron controlados e 8 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 840 controis e interpuxo 23 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 85 controis na provincia que contaron coa participación de 324 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 672 persoas e 240 vehículos e se elevaron 26 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 37 controis e interpuxo 7 sancións.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 55 dispositivos nos que identificou a 80 persoas e interpuxo 9 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 103 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 122 inspeccións en establecementos nos que non interpuxo ningunha denuncia.

A subdelegada do Goberno salientou que “os datos amosan o alto grao de responsabilidade da cidadanía da provincia, a pesar de que se rexistra un pequeno aumento dos incumprimentos no ámbito da hostalaría”. Larriba lembrou a importancia de cumprir coas medidas de seguridade en todo momento para evitar que as cifras de contaxios continúen incrementándose.

Así mesmo, a subdelegada tamén confirmou a colaboración da Policía Nacional co goberno autonómico no marco da campaña de vacinación contra a COVID-19. Neste sentido, Larriba anunciou que axentes da Policía Nacional de Vigo e Pontevedra estarán presentes nos puntos de vacinación da Xunta de Galicia situados nos recintos feirais de ambas cidades. A subdelegada avanzou que “de cara a fin de semana agárdase unha gran afluencia de xente e a Policía Nacional estará presente para velar pola seguridade cidadá e o cumprimento das medidas sanitarias”.