José Miñones destaca que o acordo entre o Concello de Baiona e Ministerio de Defensa sobre a batería de Cabo Silleiro fortalecerá a oferta turística do municipio cun espazo único

07/05/2021

Confía en que o Ministerio de Defensa finalice o antes posible os trámites patrimoniais para poder culminar a compravenda

Xunto co alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o subdelegado de Defensa na provincia, percorreu parte das instalacións, en desuso dende os anos 90

Lembrou que o Goberno acometerá a primeira fase da reparación do paseo da Foz, no estuario do río Miñor, que xa está aprobado, para poder reabrilo á cidadanía con seguridade


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que o acordo alcanzado entre o Concello de Baiona e o Ministerio de Defensa sobre a Batería Costeira de Cabo Silleiro permitirá engadir un espacio único nunha zona con altísimo interese natural e paisaxístico á oferta turtística do municipio pontevedrés. O delegado percorreu parte das instalacións acompañado polo alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba e o subdelegado de Defensa na provincia, coronel Miguel Constantino Cortés.

José Miñones felicitou ao alcalde de Baiona pola súa xestión e puxo en valor a sensibilidade do Ministerio de Defensa para facer a transacción a un prezo moi inferior ao solicitado inicialmente. Sobre este proceso, o delegado confirmou que o Ministerio de Defensa está a realizar os trámites necesarios para poder escriturar a propiedade a nome do Concello e amosou a súa confianza de que estes trámites finalicen o antes posible.

O delegado do Goberno lembrou que, en Baiona, o Goberno, a través da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, acometerá de xeito inmediato a reforma da primeira fase do paseo marítimo da Foz, no estuario do Miñor. “O proxecto xa foi aprobado, cun importe estimado de 120.000 euros, para poder acometer o antes posible a reparación do tramo estragado en 2018”, indicou.

Batería de Cabo Silleiro

O Ministerio de Defensa puxo á venta a batería de Cabo Silleiro xunto con outras instalacións e bens inmobles no ano 2013, dentro do Plan de Racionalización de Bens Inmobiliarios do Ministerio. O prezo inicial da venta superaba os 500.000 euros. Finalmente, o acordo alcanzado o pasado mes de marzo rebaixa a cifra ata os 369.060 euros.

Esta batería formaba parte, xunto ás baterías J1 do Cabo de San Vicente, J2 de Udra, J3 Monteferro, J5 Baixo e J6 A Guarda, dunha armazón de fortificacións do século XX que tiña por obxecto blindar a costa sur da provincia de Pontevedra.

Os terreos onde se asenta a Batería de Costa de Cabo Silleiro foron ocupados cara a 1940, mentres que as obras máis significativas de infraestruturas e instalacións tiveron lugar entre 1945 e 1969.

Trátase dun complexo militar formado por varios edificios, canóns e túneles que a día de hoxe se atopa en estado ruinoso.

A superficie aproximada da batería adquirida polo Concello de Baiona é de 98.000 metros cadrados. Dispón de 4 canóns de artillería Vickers de 1943 –cun alcance de 16 quilómetros- aliñados na ladeira do monte, e que nunca foron usados. Estes canóns están unidos por túneles escavados no granito. En total, a ladeira do monte está atravesada por 200 metros de pasadizos que, orixinalmente, tiñan raíles para posibilitar o transporte da munición. No seu interior tamén se construíu un búnker de telemetría que se reabriu no 2002 para observar a marea negra do Prestige.