José Miñones reitera a máxima colaboración para a protección da saúde pública ante o fin do estado de alarma e o comezo da nova normalidade

07/05/2021

O delegado explica que as prioridades seguirán a ser o control das zonas de máximo risco e dos colectivos con menos taxa de vacinación, máis expostos a pandemia

Apela á responsabilidade da cidadanía de Galicia para non retroceder na actual situación da pandemia

Lembra que aínda que a fronteira de Portugal estea aberta, os que decidan viaxar ao país veciño deberán ter en conta as restriccións vixentes de mobilidade e actividades permitidas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou a máxima colaboración coas autoridades sanitarias para a protección da saúde pública ante o próximo levantamento do estado de alarma, que se fará efectivo o 9 de maio. Expresouse así tras a última reunión do Centro de Coordinación Autonómico (CECOR) no que participaron os subdelegados do Goberno nas provncias, os máximos responsables dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Galicia  e a Fegamp.

José Miñones apelou á responsabilidade individual da cidadanía galega para non retroceder na situación actual da pandemia en Galicia, a pesar da nova situación. Lembrou que seguen a ser imprescindibles as medidas de distanciamento e de protección individual se queremos seguir avanzando nesta nova normalidade.

Ademais do comportamento cidadán, o delegado explicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil e as Policías Locais seguirán desenvolvendo tarefas de vixiancia e de sensibilización dacordo coas novas medidas que se publiquen no Diario Oficial de Galicia e daquelas que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade será a de vixiancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco. Ademais, prestarase unha especial atención aos colectivos con menor taxa de vacinación e aos concellos cun índice de poboación nova máis alto (como as áreas metropolitanas das cidades), para vixiar que se cumpran as novas medidas de horarios e reunións.

O delegado tamén se referiu á apertura das fronteiras e ao fin do peche perimetral de Galicia. Lembrou que aínda que a fronteira de Portugal estea aberta, os que decidan viaxar ao país veciño deberán ter en conta as restriccións vixentes de mobilidade e actividades permitidas.

No CECOR galego participaron as subdelegadas do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo; en Lugo, Isabel Rodríguez; e en Pontevedra, Maica Larriba;  o subdelegado na provincia de Ourense, Emilio González; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; o xeneral da XV Zona da Garda Civil, Luis Francisco Rodríguez; o responsable da Policía Nacional en Galicia e comisario provincial de Lugo, José María Esteben; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, Dolores Gómez; o secretario xeral da Delegación, Alberto de la Fuente, e a xefa de gabinete do delegado do Goberno, María Rivas.