José Miñones destaca a aposta do Goberno pola mellora das comunicacións entre Lugo e a súa contorna para aumentar a súa potencialidade económica e social

12/05/2021

O delegado do Goberno aborda coa alcaldesa de Lugo os fondos Next Generation e a oportunidade que supoñen para o futuro das administracións locais

A colaboración entre administracións ten o seu reflexo nos 12 proxectos de eficiencia enerxética impulsados polo Concello e que percibirán 3 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica

O escudo social do Executivo mobilizou nun ano 710 millóns de euros para apoiar aos sectores más afectados pola crise da COVID-19 na provincia de Lugo


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe a aposta decidida do Goberno pola mellora das comunicacións de Lugo coa súa contorna para aumentar o seu potencial económico e social na Comunidade. Así llo transmitiu á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a súa primeira visita institucional ao Concello.

Na reunión, o delegado abordou coa alcaldesa a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation e, dentro deles, a materialización do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para os concellos.

Nesta liña, insitiu no papel da Delegación do Goberno en Galicia como ponte entre as administracións locais e os distintos ministerios para a xestión e execución destes e doutros proxectos. Puxo como exemplo, no caso da cidade de Lugo, dos 12 proxectos de eficiencia enerxética impulsados polo Concello e que van recibir do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do IDAE, 3 millóns de euros para a súa execución.

Infraestruturas

José Miñones lembrou que o Goberno investirá na modernización do corredor Lugo-Ourense de tren 546 millóns de euros. Para iso, Adif está a tramitar 71 contratos con cadansúa licitación, coa vista posta en que estea operativo en 2024.

A modernización e mellora da liña permitirá aumentar a súa fiabilidade e competitividade, dada a incorporación do tramo Ourense-Monforte ao Corredor Atlántico de Mercadorías e á implementación da conexión de Lugo á Rede de Alta Velocidade. Ademáis, a entrada en servizo este ano da totalidade da liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia diminuirá o tempo da viaxe entre Lugo e a capital de España a menos de 4 horas.

Escudo social

O delegado do Goberno fixo un repaso polos mecanismos de apoio social do Executivo aos sectores máis afectados pola crise económica da pandemia. Co obxectivo de non deixar a ninguén atrás, desde abril do 2020 a marzo de 2021, o Executivo mobilizou na provincia de Lugo 710 millóns de euros no escudo social. Só os ERTE supuxeron unha achega de 48,4 millóns a 18.095 traballadores e traballadoras de Lugo que nalgún momento estiveron baixo o paraugas de protección dos expedientes de regulamento temporal de emprego.  

No tocante ao financiamento a empresas, ata o 31 de marzo, 4.844 empresas e autónomos da provincia de Lugo accederon a 545,8 millóns de euros de financiamento para facer fronte ás súas necesidades de liquidez a través da Liña de Avais do ICO. O Instituto de Crédito Oficial aprobou ata o 31 de marzo en Lugo 7.520 préstamos garantidos cun aval por 427 millóns de euros.