José Miñones subliña que o compromiso do Goberno con Ferrol e coa industria segue firme

18/05/2021

O delegado do Goberno lembra que os 4.317 millóns de euros das fragatas F-110 garanten a carga de traballo durante 13 anos

Grazas ao escudo social do Executivo mobilizáronse máis de 3.000 millóns de euros na provincia, dos que 700 son para conceptos como ERTE ou persoas autónomas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe o compromiso do Executivo co futuro de Ferrol e coa súa industria. Expresouse así durante unha visita institucional ao Concello, onde estivo co alcalde, Ángel Mato, e cos voceiros dos grupos municipais.

Sinalou que, a pesar da pandemia e da crise sanitaria e económica, o Executivo foi capaz de dar resposta levantando un escudo social que aliviou aos sectores empresariais e económicos e ás familias. Fíxoo con máis de 3.000 millóns de euros para a provincia, que beneficiaron á cidade de Ferrol.

Foron 700 millóns de euros para prestacións como ERTE ou as plantexadas para persoas autónomas. Outros 2.307 están vinculados a avais ICO para 15.133 empresas. Xa son 11.946 as persoas da provincia que se benefician do Ingreso Mínimo Vital.

E no caso de Ferrol existe outra actuación con impacto directo, que significa un “esforzo de 4.317 millóns de euros” para a construcción en Navantia das cinco fragatas F-110. Esta actuación “garante o traballo durante trece anos”, segundo explicou o delegado.

Neste 2021 xa están orzamentados os primeiros 218 millóns de euros para o programa de construción destas embarcacións, aos que hai que unir outros 50 millóns para investimentos directos nos estaleiros das localidades de Ferrol e a veciña Fene.

Trátase dun compromiso do Executivo con Ferrol, coa súa industria e co alcalde, Ángel Mato, que continúa firme. O delegado transmitiu esta mensaxe tamén aos sindicatos vinculados a Navantia, cos que mantivo unha reunión posterior á primeira visita institucional ao Concello.

Ademáis das fragatas, a carga de traballo de Navantia na ría de Ferrol durante este ano e os próximos, centrarase na finalización do programa de buques loxísticos para a Mariña australiana, nos proxectos eólicos e no negocio de reparacións, ademais da execución dos traballos de modernización do estaleiro dentro do plan estratéxico da empresa.

Neste momento, as instalaciós de Navantia en Fene están a fabricar os 62 jackets para o primeiro proxecto de enerxía eólica mariña que a empresa española Iberdrola promove na Bretaña francesa, con Navantia en UTE coa empresa asturiana Windar. O contrato millonario garante actualmente a plena ocupación do estaleiro de Fene.

INVESTIMENTOS

O delegado do Goberno destacou a trascendencia dos “investimentos de todo tipo” que realiza o Executivo con impacto en Ferrol. Ademais do 1,5% cultural do que se beneficiará o castelo de San Felipe, José Miñones incidiu nas conexión ferroviarias.

Destacou os cerca de sete millóns de euros que están previstos para mellorar a conexión coa Coruña. Estes estarán destinados ao bypass de Betanzos-Infesta, co que se evitará a inversión da marcha do tren e mellorará moi notablemente o tempo de viaxe entre ambas cidades.

Outro dos temas abordados co alcalde foi a situación actual do porto exterior de Ferrol. Están en execución o acceso ferroviario, por 72,5 millóns de euros; a rehabilitación de oficinas, por 1,69; e a construcción do Centro de Inspección no porto, por 0,87.

Están tamén en licitación a rede ferroviaria interna por 5,82 millóns de euros e a pavimentación da área de almacenaxe no porto exterior, por outros 420.000 euros.