José Miñones reitera a determinación de ampliar os concellos galegos que participan do Sistema VioXén de protección a vítimas de violencia machista

19/05/2021

Lembra que dende 2018 a Delegación do Goberno en Galicia conseguiu duplicar o número de municipios adheridos a esta ferramenta do Ministerio do Interior ata os 38 de hoxe

O Concello de Melide formalizou esta mañá a incorporación da Policia Local a este Sistema nun acto que contou coa asistencia da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo

En Galicia hai hoxe 3.754 casos activos no Sistema VioXén, dos que 1.695 se ubican na provincia da Coruña


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou hoxe a súa determinación por avanzar na adhesión dos concellos galegos ao Sistema VioXén de Seguimento e Protección de Vítimas de Violencia de Xénero. Fíxoo no día en que o Concello de Melide sumou a súa participación desta ferramenta do Ministerio do Interior mediante a sinatura do protocolo entre o delegado do Goberno, o alcalde, José Manuel Pére. No acto tamén participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; o xefe en funcións da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira e o tenente alcalde de Melide, José Antonio Prado.

José Miñones renovou o compromiso asumido na súa toma de posesión de traballar con firmeza a prol da igualdade e da erradicación da violencia de xénero. Nesta loita, considera fundamental contar cos concellos, que son as administracións máis próximas ás vítimas, e cos seus corpos de policía local. O Ministerio do Interior facilita aos municipios a súa incorporación á ferramenta VioXén, que permite facer un seguimento máis efectivo e adaptado ao risco de cada caso ademáis de mellorar as tarefas preventivas. O obxecto deste Sistema é establecer unha rede o máis pechada posible que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas e dos seus fillos e fillas.

O delegado puxo en valor o traballo da Delegación do Goberno, das subdelegacións provinciais e das súas unidades de loita contra a violencia sobre a muller para incrementar o número de concellos galegos integrados en VioXén. Así, recordou que entre xuño de 2018 e hoxe, conseguiuse duplicar a presencia de concellos de Galicia nesta ferramenta: “Con Melide son xa 38 os concellos nos que a Policía Local colabora coas Forzas de Seguridade do Estado, o dobre que hai tres anos”, e agradeceu a sensibilización do Concello melidense na loita contra a violencia machista “que se materializa hoxe nesta sinatura”.

José Miñones detallou que entre os concellos adheridos a VioXén están a maioría das grandes cidades e vilas galegas sendo A Coruña a provincia con maior número de municipios dentro do Sistema (15): “Estes 38 municipios suman o 53% da poboación de Galicia”, apuntou o delegado.

Unha vez que un Concello asina o protocolo de adhesión ao Sistema VioXén, a Policía Local encárgase dos casos activos de risco baixo ou non apreciado no seu ámbito de actuación mentres que Garda Civil e/ou Corpo Nacional de Policía encárganse do resto de casos activos. Nestes intres, en Galicia o Sistema VioXén ten activos 3.754 casos, dos que 1.695 se atopan na provincia da Coruña.

Visita a Arzúa

O delegado do Goberno realizou posteriormente unha visita institucional ao Concello de Arzúa acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña. Alí mantivo unha reunión co alcalde, José Luis García, e coa tenente alcalde, Begoña Balado.

No encontro avaliaron as actuacións que executa o Ministerio de Transportes na rehabilitación da Casa de Correos para centro cultural e as obras que efectúa a Demarcación de Estradas en resposta a demandas do Goberno Local. Entre elas, a mellora de pasos de peóns e obras de drenaxe na travesía do casco urbán e en varios puntos da autovía ao paso polo municipio. Estas actuacións terán continuidade ata completar as demandas pendentes.