José Miñones destaca o recoñecemento do valor histórico da Revista “Nós” coa súa incorporación ao nome da Biblioteca Pública do Estado en Ourense

20/05/2021

O delegado do Goberno en Galicia sinala que con este nova denominación oficial queda patente a repercusión cultural de “Nós” para a cidade de Ourense e a cultura galega


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informa de que o Ministerio de Cultura e Deporte vén de acordar a designación de “Biblioteca Pública do Estado en Ourense Nós” como nova denominación oficial da Biblioteca Pública do Estado en Ourense, tal e como recolle o Boletín Oficial do Estado.

José Miñones destacou que, coa incorporación da mención de “Nós” na nova designación oficial deste centro, estase a recoñecer o valor histórico da Revista “Nós” e a súa repercusión cultural para a cidade de Ourense e para toda a cultura galega.

A nova denominación oficial da biblioteca, acordada tendo en conta a petición realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, será aplicable dende hoxe nos seus usos tanto en lingua castelá como en lingua galega e deberá figurar no edificio, nos selos identificadores e nos impresos da mesma.

O delegado do Goberno remarcou que o centro, emprazado no conxunto do Convento de San Francisco e que supuxo un investimento total do Ministerio de Cultura e Deporte de máis de 12 millóns de euros, converteuse nun referente cultural e arquitectónico da cidade, formando parte do complexo urbano definido polos tres edificios do Ministerio (Biblioteca, Arquivo e Depósito do arquivo) e pola súa proximidade ao Auditorio e Pazo de Congresos de Ourense.

O novo edificio da biblioteca, de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia, foi inaugurado no ano 2019 e permitiu multiplicar a capacidade que ocupaba no seu anterior emprazamento para albergar un fondo bibliográfico de máis de 193.000 documentos e incrementar os seus servizos, contando con salón de actos, bebeteca, zona de préstamo e consulta de adultos, salas infantís e xuvenís, hemeroteca, espazos de traballo e formación e acceso a internet.

José Miñones salientou o traballo e compromiso do ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, con Galicia, con iniciativas como a da biblioteca ou outras ligadas a diversos ámbitos como as relacionadas co Xacobeo.