José Miñones cifra en 2.700 millóns de euros o impacto do escudo social do Goberno na provincia de Pontevedra

24/05/2021

O delegado do Goberno lembra que o apoio á Xunta é, ata agora, de 1.258 millóns de euros e espera, xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, que cheguen aos concellos

No sistema VioXén de protección ás vítimas do machismo hai 12 concellos pontevedreses e José Miñones espera a próxima incorporación doutros seis

O Goberno aplaude a cooperación, o respecto á autonomía local e o equilibrio territorial do Plan de concellos da Deputación de Pontevedra

As achegas para melloras de eficiencia enerxética do Executivo para as entidades locais pontevedresas suman 39,2 millóns de euros para 75 proxectos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, cifrou hoxe en 2.700 millóns de euros o impacto do escudo social do Executivo na provincia de Pontevedra, con máis de 85.000 persoas e 13.000 empresas beneficiadas polas políticas de protección fronte á COVID-19. Expresouse así durante unha rolda de prensa xunta á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, despois da súa primeira visita institucional á entidade supramunicipal.

O escudo social do Goberno supuxo, dende abril do ano pasado, “230 millóns para ERTE, 564 millóns para prestacións ou máis de 2.100 millóns en préstamos para autónomos, pemes e empresas da provincia”, destacou José Miñones, que incidiu no traballo coordinado cos concellos e a Xunta.

Nese senso, explicou que “o Goberno xa apoiou á Xunta de Galicia con 1.258 millóns de euros vinculados á pandemia da COVID-19”. É necesario que estes fondos cheguen tamén a cada recuncho de Galicia. “Esperamos que a Xunta transfira a parte que teñen que xestionar os concellos, tal como solicitou a Federación Española de Municipios e Provincias”, engadiu.

Situou como referencia neste ámbito o traballo da Deputación pontevedresa e da súa presidenta a través do seu Plan de concellos. “A cooperación, o respecto á autonomía local e o equilibrio territorial son tres alicerces desta iniciativa que coinciden co que no Goberno pensamos que é fundamental”, relatou antes de subliñar que “a Deputación é capaz de lograr un mellor reparto de achegas e que os seus fondos e iniciativas cheguen a cada punto da provincia”, un obxectivo compartido polo Goberno.

VIOLENCIA MACHISTA

O organismo provincial xa foi premiado pola Delegación do Goberno en Galicia en 2019 cun Premio Menina, pola súa loita incansable fronte á violencia machista. Por iso, José Miñones repasou a integración no sistema VioXén do Ministerio do Interior das policías locais desta provincia. Así, 12 concellos da provincia xa teñen asinada esta colaboración coa recente incorporación de Lalín, O Porriño e Salceda de Caselas. “Esperamos incorporar outros 6 concellos en breve, co que chegaríamos a 18 concellos, que representan á maior parte da población da provincia”, afirmou sobre  A Guarda, Tui, Ponteareas, Cangas, Cambados e Nigrán.

EFICIENCIA ENERXÉTICA E PATRIMONIO HISTÓRICO

José Miñones tamén repasou outras liñas de colaboración cos concellos pontevedreses. “A través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico subvencionamos 75 proxectos de mellora de eficiencia enerxética con 39,2 millóns de euros. Deles, foron máis de 4 millóns para iniciativas directas da Deputación”, declarou.

Ademais, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana traballou con outros 17 concellos pontevedreses para a restauración e musealización de castros e xacementos, con máis de medio millón de euros. Foron traballos coordinados entre o Ministerio e a Deputación.