Maica Larriba fai un chamamento a extremar as precaucións á hora de realizar compras en Internet

28/05/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a reunión da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os principais datos sobre delincuencia e infraccións penais rexistrados na provincia durante os primeiros cinco meses do ano.

 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os primeiros cinco meses do ano.

Os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado compartiron coa subdelegada do Goberno os datos de infraccións penais rexistrados na provincia do 1 de xaneiro ata o 27 de maio de 2021. Uns datos que arroxan, a nivel provincial  e se os comparamos co mesmo período do ano anterior, unha caída significativa dos roubos en vivendas (-19 %), en establecementos (- 60 %) e demais roubos con forza (- 47 %). Ademais, os delitos contra o patrimonio –furtos, subtracción de vehículos e subtraccións en vehículos– reducíronse nun  5,5 %. As lesións baixaron, así mesmo, un 8 %; non así os casos de maltrato, que aumentaron nun 9,5 %.

A subdelegada sinalou tamén o lixeiro aumentos dos delitos contra a liberdade sexual. Durante os primeiros cinco meses de 2021 rexistráronse 5 agresións, fronte ás 3 denunciadas no ano 2020. Neste sentido, Larriba apuntou que “o ano pasado vivimos un confinamento estrito de case dous meses que explica a repunta deste e outro tipo de delitos”.

Cabe destacar tamén o aumento das estafas con tarxetas de crédito en toda a provincia, que creceron nun 114 % con respecto ao mesmo período do ano 2020. A subdelegada sinalou que “este tipo de delitos dáse xa en todo o territorio, tanto en núcleos urbanos como no rural” e alertou da “necesidade de que a cidadanía tome conciencia da importancia de tomar todas as medidas de seguridade posibles á hora de realizar compras por Internet. Debemos ser moi cautos”. A este respecto, Larriba quixo trasladar á veciñanza as recomendacións máis habituais que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade. “É moi importante ter en conta que non se deben facilitar nunca os datos persoais e bancarios en resposta a correos electrónicos, chamadas ou mensaxes. Ademais, á hora de realizar compras en Internet é importante comprobar que o facemos a través dunha web segura –o seu enderezo debe comezar por https ou ben aparecer cun candadiño–“, explicou.

Os mandos policiais informaron á subdelegada do alto grao de especialización da ciberdelincuencia na actualidade, capaz xa de replicar páxinas de venta en liña, roubar datos de ditas páxinas e comercializar cos mesmos. Por iso, recalcaron á importancia de ser precavidos á hora de facer as nosas compras en Internet.

Por último, a subdelegada indicou que a taxa de esclarecemento de delitos na provincia experimentou un crecemento interanual dun 13 %, “un dato que evidencia o bo facer e o arduo traballo das Forzas e Corpos de Seguridade”.

Marín, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

As principais localidades rexistran unha tendencia similar á da provincia. Deste xeito, Marín experimentou un descenso dos roubos en vivendas e establecementos do -36 % e dos furtos e das subtraccións de vehículos ou en vehículos do -20 %. Así mesmo, as estafas con tarxetas de crédito, débito ou cheques aumentaron nun 84 % na localidade, que rexistrou un 15 % de incremento interanual na taxa de esclarecemento de delitos.

Pola súa banda, en Pontevedra diminuíron os roubos con forza en vivendas, establecementos e anexos nun -59% e as subtraccións de vehículos e en vehículos nun -53 %. As estafas con tarxetas a través de Internet creceron nun 103 %, así como a taxa de esclarecemento de delitos, que aumentou nun 18 % con respecto a 2020.

En Vigo, ao igual que no resto da provincia, baixaron os roubos en establecementos (-60 %) e en vivendas (-9 %). Non obstante, a subdelegada sinalou que na cidade produciuse un aumento dos roubos en galpóns e anexos a vivendas.

O cómputo global de furtos e roubos en vehículos e de vehículos tamén evidencia unha baixada do -5 % neste tipo de delitos. Crecen, así a todo, os ciberdelitos nun 122 % con respecto ao ano anterior. Larriba informou de que a taxa de esclarecemento nesta cidade incrementouse nun 13 % con respecto a 2020.

Por último, en Vilagarcía os roubos con forza en vivendas e en establecementos baixaron un -40 % e as estafas e a ciberdelincuencia aumentaron un 93%. A taxa de esclarecemento de delitos continúa, así mesmo, na mesma liña que no ano 2020 (-1%).

Mos, único concello en máximo nivel de restricións

A subdelegada do Goberno analizou tamén xunto aos responsables provinciais a situación epidemiolóxica da provincia e as medidas vixentes asociadas á mesma.

Larriba lembrou que o Comité Clínico da Xunta de Galicia incluíu esta semana a Mos no máximo nivel de restricións e indicou que “o único concello de Pontevedra en nivel máximo de restricións é onde máis sancións por incumprimento da normativa COVID-19 puxo a Garda Civil de toda a provincia, exceptuando ás grandes cidades”. Ademais, advertiu de que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado darán continuidade ás actuais campañas de información e supervisión das restricións vinculadas á COVID-19 e de que vixiarán, en especial, o peche perimetral e da hostalaría vixentes neste municipio desde o sábado.

Por último, Larriba pediu á veciñanza que “continúe respectando todas as medidas e tomando todas as precaucións sanitarias, tal e como viñamos facendo, para evitar volver atrás”.