José Miñones destaca que o Goberno achega 157 M€ aos concellos galegos para apoiar a eficiencia enerxética e a mobilidade sostible

15/06/2021

O proxecto “Move a Illa”, que promove o Concello da Illa de Arousa, é unha das 428 iniciativas, 77 en Pontevedra, que financia o Goberno para reducir a emisión de carbono nas vilas de Galicia

O programa de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica supón a mobilización de 195 millóns de euros en Galicia, dos que 51 fican na provincia de Pontevedra

A Illa de Arousa recibe 660.995 euros para a mellora da mobilidade no municipio, a promoción do uso da bicicleta e a dotación dun aparcadoiro disuasorio na praia do Bao

O delegado do Goberno lembra que estas accións crean vilas máis saudables e que os seus habitantes melloren substancialmente a súa calidade de vida


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o apoio do Executivo aos concellos de Galicia para promover a súa transición cara a unha economía baixa en carbono e que se traduce en investimentos por valor de 157 millóns de euros en 428 proxectos en toda a Comunidade. Son iniciativas promovidas por entidades locais galegas e que se inclúen no programa de axudas convocado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e financiado con fondos FEDER. O total mobilizado polos proxectos ascende a 195 millóns de euros, sumando a financiación das entidades locais.

José Miñones destacou que este programa subvenciona proxectos de mellora de eficiencia enerxética, mobilidade sostible e uso de enerxías alternativas, entre outros, cun denominador común: reducir as emisións á atmósfera e mellorar a saúde ambiental destes municipios. “Camiño que redunde na calidade de vida das nosas vilas e da cidanía que vive nelas”, apuntou.

O delegado realizou estas valoracións no Concello da Illa de Arousa, que recibe 660.995 euros deste programa (o 70% do orzamento total) para a execución do proxecto de mobilidade sostible “Move a Illa”. Xunto co alcalde da Illa, Carlos Iglesias, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, comprobou a construcción dun aparcadoiro disuasorio e dun carril bici xunto á praia do Bao.

Estas actuacións complétanse con outras, como a dotación dun servicio de aluguer de bicletas e a reordenación de espazos urbanos, co obxectivo de diminuír a presenza de vehículos no casco urbano e promover medios de transporte alternativos.

O delegado apuntou que na provincia de Pontevedra, o programa do IDAE permite a execución de 77 proxectos que mobilizan 51 millóns de euros de investimento dos que o Goberno aporta 41 millóns de euros. Estos proxectos benefician a 26 concellos, unha mancomunidade e a Deputación provincial.