Isabel Rodríguez chama á prudencia dos condutores ante o aumento de falecidos e accidentes graves nas estradas da provincia

25/06/2021

 A subdelegada expresa a súa preocupación porque este mes rexistráronse 4 vítimas mortais en accidentes de circulación, o dobre que nos cinco meses anteriores
 A saída de vía é o accidente máis frecuente e as causas principais dos sinistros son a velocidade inadecuada e as distracións


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, fai un chamamento á prudencia dos condutores con motivo da inminente comezo das vacacións de verán e expresou a súa preocupación polo aumento das vítimas e os sinistros graves na provincia neste mes de xuño.

 

Isabel Rodríguez informou de que durante o mes de xuño 4 persoas perderon a vida nas estradas da provincia, o dobre que no resto do primeiro semestre de 2021. Rexistráronse ademais 14 feridos hospitalizados e 159 non hospitalizados, tanto en vías urbanas como interurbanas.

 

Comparativamente, en 2020 o balance era dunha vítima mortal menos durante o mesmo período xaneiro-xuño en vías interurbanas, unha máis no cómputo total, xa que este ano non se ten producido de momento ningún accidente mortal en vías urbanas e na mesma data do ano pasado xa se rexistraran dous.

 

Pola súa parte, o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, incidiu en que o mes de xuño non resultaba tan tráxico nas estradas da provincia desde 2018, quen subliñou ademais que este dato vai seguido dun repunte do total de accidentes con vítimas desde marzo. A liña entre un sinistro con danos ou lesións e un accidente grave ou mortal pode ser moi estreita e en boa parte depende de nós. En moitas ocasións, a diferenza márcana apenas uns segundos, os que tardamos en percibir o risco e reaccionar para realizar unha manobra que evite o accidente ou polo menos minore as súas consecuencias.

 

PERDA DE ATENCIÓN

 

Por iso, explicou Álvarez, é tan perigosa a perda de atención ao volante: apartar a vista ou a atención da calzada soamente uns poucos segundos xa implica circular varias decenas ou centenares de metros sen ver ou, o que tamén é moi perigoso, sen interpretar correctamente o que está a pasar na estrada: ciclistas, peóns, vehículos que se incorporan á circulación ou realizan un adiantamento… e mesmo a traxectoria do noso vehículo e o trazado da estrada, factor determinante na terceira parte dos accidentes mortais que se produciron durante os últimos meses. Cada vez está máis claro que conducir é incompatible con atender ao móbil e aínda máis con manipulalo.

 

Outra razón pola que se perde a atención ao volante é o cansazo ou o soño. Poida que non pensásemos que intervén tamén nunha cifra significativa de accidentes graves e mortais, e que creamos que, aínda que emprendamos viaxe cansos, sempre imos ter tempo de deternos antes de quedarnos durmidos. Pero os datos dos últimos anos na provincia demostran que, nalgúns tramos, esa causa ten un peso na accidentalidade con vítimas próximo ás distraccións e a velocidade inadecuada ou excesiva, que practicamente sempre son as dúas primeiras. Vale máis descansar ou botar unha cabezada duns minutos antes de emprender viaxe que facelo en malas condicións, despois de ter un susto, ou sumarnos á lista de feridos ou falecidos por ese motivo.

 

EXCESO DE VELOCIDADE

 

A velocidade excesiva ou inadecuada para as condicións do tráfico, o clima e a vía tamén diminúe o espazo do que dispoñemos para reaccionar ante imprevistos e dificulta o control do vehículo en situacións difíciles. Por iso, ano tras ano, segue intervindo en moitos dos accidentes graves e na metade dos mortais que levamos en 2021, entre eles en varios sinistros por saída da vía.

 

ATENCIÓN AOS PEÓNS

 

Desde 2017, perderon a vida na provincia 10 peóns en vías interurbanas, e cada ano rexistrouse algunha vítima mortal en atropelo. Os próximos meses son especialmente propicios para realizar actividades ao aire libre, polo que é fundamental ter sempre presentes cando conducimos aos usuarios máis vulnerables, como peóns, ciclistas e motociclistas.

 

ALCOL E DROGAS

 

Así mesmo, preocupa o aumento de positivos en controis de alcol e drogas que vén rexistrando durante as últimas semanas. Na campaña realizada entre os días 16 e 22 de xuño realizáronse por parte dos membros do Subsector de Tráfico de Lugo un total de 61 probas de drogas con resultado de 21 positivos, proporción lixeiramente máis alta que na campaña equivalente realizada durante 2019, así como 6340 probas de alcoholemia, nas cales se detectaron 81 positivos, máis do dobre que na referida campaña de 2019.

 

REFORZO DA VIXILANCIA... E DA PRUDENCIA

 

Á vista deses resultados, faise necesario redobrar durante os próximos meses a vixilancia, tanto os controis da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, orientados especialmente a estradas convencionais e á detección de alcoholemia e presenza de drogas, distraccións e excesos de velocidade, como mediante as cámaras de vixilancia, helicóptero e drons.

 

O levantamento das restricións non implica levantar nin relaxar a prudencia na circulación, senón que a fai aínda máis necesaria. Só co compromiso de todos conseguiremos impedir que se perdan máis vidas nas nosas rúas e estradas e lograremos convertelas en espazos de convivencia segura para todas as persoas que as compartimos.