José Miñones certifica o especial compromiso do Goberno na loita contra os incendios en Galicia con cerca dunha decena de medios aéreos e un milleiro de persoas

30/06/2021

A labor do Goberno vinculada aos lumes forestais implica aos ministerios para a Transición Ecolóxica, do Interior e de Defensa

Transición Ecolóxica xa ten despregados dous avións en Galicia e mañá enviará outro avión anfibio ao aeroporto de Santiago ademais de dúas brigadas de loita contra incendios á base de Laza

Galicia contará no territorio con persoal específico da UME, a Brilat, o Terzo Norte, a Garda Civil e a Policía Nacional ata o 31 de outubro

O delegado do Goberno lembrou que na campaña de 2020 a metade das intervencións dos medios do Estado en incendios foron en Galicia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, certificou hoxe o especial compromiso do Executivo na loita contra os incendios forestais en Galicia á que aporta cerca dunha decena de medios aéreos e un milleiro de persoas. Expresouse así con motivo da constitución do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para esta campaña.

José Miñones salientou “a importancia da coordinación entre administracións, que é crucial nun asunto tan importante como os incendios forestais”, “O Goberno está especialmente comprometido con Galicia nesta materia e hoxe o constatamos coa cooperación dos Ministerios para a Transición Ecolóxica, Defensa e Interior nesta loita”, asegurou.

Nesta tarefa, o Goberno realizou o ano pasado 774 intervencións aéreas en Galicia, a metade das realizadas en todo o Estado, con 1.722 horas de voo, equivalentes a 72 días, e 2.550 descargas sobre as lapas. A operación rematou cun piloto falecido e dous brigadistas feridos en Ourense.

“Este ano serán nove medios aéreos e cerca dun millar de persoas do Executivo dedicadas a tarefas de prevención, vixilancia ou extinción”, subliñou o delegado sobre os medios que estarán de forma permanente na Comunidade, que teñen a posibilidade de reforzarse cos do resto do Estado, onde haberá 69 medios aéreos e milleiros de persoas dos diferentes ministerios.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica xa traballa en Galicia con dous avións despregados en Ourense. Mañá, xoves día 1 de xullo, enviará un novo avión anfibio á base de Santiago. Tamén mañá estarán operativas dúas brigadas de loita contra incendios forestais na base de Laza.

“Contaremos na campaña, que estendemos ata o 31 de outubro, con ata 5 avións deste Ministerio. Tamén traballa o Ministerio do Interior, que conta cos máis de 2.600 axentes da Garda Civil xunto a 59 específicos de reforzo fronte aos incendios e un helicóptero. A Policía Nacional terá 400 persoas en tarefas de prevención, 12 cabalos e un helicóptero”, relatou.

Dependente tamén do Ministerio do Interior, a Dirección Xeral de Protección Civil “coordinará as operacións e a chegada da Unidade Militar de Emerxencias, cun grupo instalado en Galicia fronte aos incendios, que pode ser ampliado”, proseguiu. Pola súa banda, o Ministerio de Defensa conta tamén coa Brilat e o Terzo Norte, con cerca de 500 persoas en tarefas de prevención, extinción ou investigación. “Un ano máis, dende a Delegación do Goberno insistimos na importancia da prevención e da tolerancia cero fronte aos incendiarios”, rematou.

Na reunión tamén participaron o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Leonardo Marcos; o subdirector de Política Forestal de Transición Ecolóxica, Guillermo Fernández;  o subdirector xeral de Cooperación e Defensa Civil, Luis Ruiz de Gordoa; o xefe do quinto batallón de intervención da UME, José Alberto Barja; o xeneral xefe da 15 zona da Garda Civil, Luis Francisco Rodríguez; e a xefa accidental da Policía Nacional en Galicia, Estíbaliz Palma. Por parte da Xunta, estiveron o vicepresidente, Alfonso Rueda; o conselleiro do Medio Rural, José González; o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e o comisario da Unidade Adscrita da Policía Nacional, Jorge Rubal.