A Delegación do Goberno informa do financiamento en Galicia de 58 proxectos de reparación de danos vinculados a temporais por 1,3 millóns de euros

30/07/2021

Os beneficiarios das achegas en Galicia son 22 concellos e a Deputación provincial de Ourense

A liña de axudas está vinculada aos danos en infraestruturas municipais e rede viaria dos temporais de outono de 2019

Son 45 proxectos na provincia da Coruña, 9 na de Ourense e 4 na de Pontevedra

As achegas dan cumprimento ao Real Decreto de situacións catastróficas que tiveron lugar entre abril de 2019 e marzo de 2020


A Delegación do Goberno en Galicia informa do financiamento na Comunidade de 58 proxectos de reparación de danos vinculados a temporais por 1,3 millóns de euros. Faino tras a publicación no Boletín Oficial do Estado de hoxe dunha resolución do Ministerio de Política Territorial.

A Secretaría Xeral de Coordinación Territorial dá cumprimento, coa publicación de hoxe, ao Real Decreto 778/2020, polo que se declaraban de aplicación a diversas situacións catastróficas que tiveron lugar entre abril de 2019 e marzo de 2020.

En concreto, en Galicia houbo danos en infraestruturas municipais e redes viarias por temporais en outono de 2019. Son 58 os proxectos municipais ou provinciais de reparación destes danos que perciben 1.326.319,5 euros. Corresponden a 22 concellos e á Deputación provincial de Ourense.

Na Coruña son 45 proxectos de 14 concellos que reciben 802.257,96 euros. En Ourense hai 9 proxectos de 4 concellos e a Deputación, con 395.429,58 euros. En Pontevedra son 4 proxectos de outros tantos concellos, con 128.631,96 euros.