José Miñones subliña a importancia para o deporte galego da prata olímpica lograda polo palista Carlos Arévalo

18/08/2021

O delegado destaca que os resultados do deporte galego en Tokio son os mellores da historia

José Miñones incide no mérito dos deportistas que acudiron con éxito á cita olímpica

Carlos Arévalo explica ao delegado e á subdelegada que o sacrificio realizado pagou a pena

O palista asina no libro de honra da Delegación e detalla os seus vindeiros retos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe a importancia para o deporte galego da prata olímpica lograda polo palista Carlos Arévalo. O betanceiro rematou na segunda posición na proba de K4 500 metros nos Xogos Olímpicos de Tokio.

José Miñones, acompañado pola subdelegada na Coruña, María Rivas, destacou o mérito do deportista, que tamén é membro das Forzas Armadas, e incidiu nos resultados do deporte galego nos últimos Xogos Olímpicos, que son os mellores da historia, con sete medallas en total e unha decena de diplomas.

Carlos Arévalo visitou hoxe a Delegación do Goberno en Galicia, onde mantivo un encontro co delegado e coa subdelegada na Coruña. Alí asinou no libro de honra da institución antes de detallar os seus vindeiros retos, que están nos campionatos de Europa e do mundo, así como nos seguintes Xogos Olímpicos de París 2024.

O deportista explicou a José Miñones e a María Rivas a relevancia da experencia vivida. Asegurou que o sacrificio realizado pagou a pena e, por iso, agarda ter continuidade no futuro.