Maica Larriba reúnese co equipo directivo da asociación Mulleres Salgadas

09/09/2021

A subdelegada do Goberno destacou o interese da creación do Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro que promove a asociación. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse esta semana con Celia Herbón e Sandra Amezaga, vicepresidenta e secretaria da asociación Mulleres Salgadas, a primeira organización autonómica conformada exclusivamente por mulleres do sector pesqueiro.

No encontro repasaron as principais liñas de traballo e obxectivos desta asociación, que naceu en Vilagarcía no ano 2020 baixo o nome de Mulleres do Mar de Arousa co obxectivo fundacional de reforzar o protagonismo das traballadoras do sector e potenciar a súa visibilidade. Desde xuño de 2021 a organización pasou a ter un alcance autonómico, cambiando a súa denominación a Mulleres Salgadas e converténdose na primeira asociación galega de carácter exclusivamente feminino conformada por profesionais que traballan no mundo do mar.

Larriba quixo destacar a importancia deste sector na provincia, que aglutina o 66 % dos traballadores e traballadoras galegos dados de alta no Réxime Especial do Mar. “Dos máis de 19 mil traballadores galegos do mar, 13.288 pertencen á provincia de Pontevedra, o que evidencia a relevancia deste sector no noso territorio”, explicou.

A subdelegada conversou coas responsables sobre o traballo das profesionais asociadas, pertencentes a moi distintos ámbitos, como o do marisqueo, a pesca, as confrarías, as asociacións de mexilloeiras, armadoras, cooperativas, etc. Pola súa banda, desde a asociación trasladaron á subdelegada o seu desexo de pór en marcha un Observatorio Galego de Igualdade no sector pesqueiro, unha demanda á que Larriba expresou o seu apoio, xa que son “este tipo de ferramentas as que contribúen a visibilizar e sinalar as barreiras invisibles e as brechas de xénero que existen na nosa sociedade, e en especial, en sectores tan tradicionalmente masculinizados como o da pesca”.

Así mesmo, a subdelegada felicitou a asociación polo traballo que está a desenvolver en prol do acceso das mulleres a postos de responsabilidade no sector. Neste sentido, Larriba lembrou que “o 26 % dos profesionais do mar na  provincia son mulleres, non obstante, estas apenas chegan a ocupar os últimos eslavóns da cadea pesqueira, o que evidencia a existencia dun teito de cristal no que se debe traballar para que desapareza”. 

Por último, a subdelegada do Goberno quixo agradecer a visita e felicitar ás promotoras polo encomiable labor que están a levar a cabo. “O  peso que as mulleres teñen na economía pesqueira da provincia é obvio e calquera iniciativa que evidencie e recoñeza o seu labor como motor de dinamización y crecemento económico terá o noso apoio”, finalizou.