Maica Larriba supervisa o remate das obras da nova sede da Xefatura Provincial de Tráfico que abrirá as súas portas o día 25

14/10/2021

A subdelegada do Goberno sinalou que as dependencias “cubrirán as necesidades operativas da Xefatura, favorecendo unha mellor atención á cidadanía”. O proxecto de traslado ao novo local tivo un orzamento de 1.231.780 euros.


Pontevedra, 14 de outubro de 2020.- A Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, en compaña da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, supervisou esta  mañá o remate das obras de acondicionamento e mellora das novas instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico situadas no número 8 da Praza Veiga da Eira. Contan cunha superficie total de 1.429,74 metros cadrados fronte os 1.155 das antigas e abrirán ao público o luns, día 25 de outubro, acollendo o 27 os primeiros exames de aptitude. O xoves 21 será o último día para realizar trámites nas vellas dependencias.

Como indicou a subdelegada, “o traslado a esta nova sede permitirá solucionar os problemas de carencia de espazo que arrastraban as oficinas anteriores, así como mellorar de maneira moi importante a accesibilidade grazas á eliminación total de barreiras arquitectónicas”. Estas novas dependencias tamén permitirán optimizar a distribución do persoal administrativo para, en definitiva, “mellorar o funcionamento e a calidade do servizo ao cidadán”.

Maica Larriba destacou que o novo local –no que se investiron 1.231.780 euros- se atopa nas proximidades das estacións de tren e de autobuses, de modo que goza dunha boa conexión. A subdelegada subliñou que “esta sede permitirá cubrir as necesidades operativas da Xefatura Provincial de Tráfico adecuándose ás esixencias do persoal e favorecendo unha mellor atención á cidadanía nunhas dependencias con plena accesibilidade”.

Actualmente prestan servizo na Xefatura Provincial de Tráfico medio cento de empregados.  Na oficina préstanse un amplo abano de servizos tanto presenciais como en liña. Destacan os trámites relacionados con vehículos dirixidos a cidadáns e a empresas, como son as transferencias, as altas e as baixas ou as matriculacións, que en 2019, ano anterior á pandemia, ascenderon a 17.599.

Así mesmo, a sede da Xefatura Provincial de Tráfico ofrece servizos ao cidadán moi demandados como son os relacionados cos permisos de conducir para a obtención, renovación e duplicado de permisos, así como para a xestión de trámites sobre os puntos do carné de conducir ou a realización de exames e probas de aptitude. Concretamente, en 2019 na Xefatura de Pontevedra realizáronse 17.666 exames teóricos e 20.290 de circulación. En 2020 os efectos da pandemia reduciron estas cifras a 15.899 exames teóricos e 16.224 prácticos.

Tamén son importantes os servizos que se ofrecen a autoescolas e centros de de formación e sensibilización vial, os trámites e solicitudes relacionadas con multas, con comunicacións de obras en vías, con comunicacións de accidentes de tráfico, etc