A DXT comeza hoxe unha campaña especial de control do consumo de alcol e drogas nas estradas de Galicia

06/12/2021

A Delegación do Goberno advirte de que a metade dos condutores falecidos en accidentes de tráfico en España no ano pasado habían consumido drogas ou alcol así como catro de cada dez persoas atropeladas

Na mesma campaña realizada por estas datas en 2020 foron denunciados 160 condutores por consumo de alcol e 135, por consumo de drogas

Desde xaneiro a novembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico detectou 9.300 positivos en alcol e 6.307, en drogas, en máis de 26.000 controis nas estradas de Galicia


A Delegación do Goberno en Galicia informa o inicio, hoxe, da campaña especial de Tráfico co obxectivo de *diminuir o consumo de alcol e drogas ao volante. Ata este domingo, día 12, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de Galicia. Nesta iniciativa a DXT fomenta ademais a colaboración cos concellos do catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia.

Desde a Delegación do Goberno lémbrase que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias.

Hai que lembrar que o 49% dos 591 condutores falecidos durante o ano pasado en España en accidentes de tráfico e sometidos a autopsia consumira alcol, drogas e/ou *psicofármacos. Trátase dunha porcentaxe superior á do ano anterior 2019.

Igualmente, en 2020, produciuse un incremento dos peóns falecidos por atropelo en accidentes de tráfico con resultados positivos a alcol, drogas e/ou *psicofármacos respecto de 2019. Dos 136 peóns falecidos por atropelo en accidente de tráfico e sometidos a autopsia, 56 (41,2%) deron resultados positivos.

Por estes motivos, o obxectivo da Dirección Xeral de Tráfico é conseguir descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.

Controis permanentes

Entre xaneiro e novembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico efectuou *nsa estradas galegas 26.454 controis de alcol e drogas. Nestes dispositivos rexistráronse 9.300 positivos en alcol e 6.307 positivos por consumo de drogas. O perfil de positivo en alcol segue sendo o de home con idades entre 45 a 54 anos. No que respecta a drogas, o cannabis ( *THC) e a cocaína son as dúas sustancias achadas con máis frecuencia.

Campaña anterior

Na mesma campaña realizada en decembro do ano pasado realizáronse en Galicia 16.156 probas de alcoholemia, das que 305 deron positivo. O 1,88% destas probas foron de resultado positivo, unha porcentaxe significativamente superior á do ano anterior. Canto ás probas de drogas, realizáronse 356, das que 165 resultaron positivas (46,3%).