Maica Larriba anuncia que máis de medio millar de vivendas de Vilagarcía de Arousa contarán cunha conexión a Internet ultrarrápida a partir deste ano

Maica Larriba anuncia que máis de medio millar de vivendas de Vilagarcía de Arousa contarán cunha conexión a Internet ultrarrápida a partir deste ano

13/01/2022

O groso das actuacións que se levarán a cabo concéntrase nas parroquias de Sobradelo, Cornazo, Carill e no barrio de Faxilde

A tecnoloxía que se empregará é a fibra

As actuacións enmárcanse no Programa Único-Banda Ancha, incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Vilagarcía é un dos 58 concellos da provincia beneficiados por esta iniciativa do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, reuniuse esta mañá co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, para abordar as actuacións do Programa Único-Banda Ancha no termo municipal e que permitirán a máis de medio millar de casas, naves e empresas da localidade contar, a partir deste ano, cunha conexión a internet ultrarrápida, é dicir, dunha velocidade de 100  megas ou superior.

A actuación, que será implementada por Teléfonica —a empresa adxudicataria—, engloba a execución de 44 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata 522 vivendas e empresas do municipio a través da fibra e enmárcase no Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha, incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

En todos casos, as actuacións realizaranse en “zonas brancas de cobertura”, é dicir, en áreas que non teñen cobertura de redes de banda ancha nin tampouco previsión para recibila por parte dun operador nun prazo de tres anos con base a plans de investimento cribles.

Tal e como destacou a subdelegada, o 80 % das intervencións aglutínanse na parroquia de Sobradelo, Carril e Cornazo e no barrio de  Faxilde, “dando resposta así a unha demanda de moitos veciños e veciñas e contribuíndo a cumprir co compromiso deste Goberno de que o 100% da poboación española teña cobertura de banda ancha antes de 2025”. Non obstante, Larriba explicou que esta convocatoria do Programa recolle intervencións en todas as parroquias da localidade.

Vilagarcía é un dos 278 concellos beneficiarios desta convocatoria que, tal e como destacou a subdelegada, “reserva a Galicia máis 30 millóns de euros, unha dotación histórica, e que evidencia o compromiso deste Executivo coa dixitalización, a cohesión territorial e a loita contra o reto demográfico”.

En concreto, na provincia de Pontevedra investiranse 6,4 millóns de euros en proxectos que beneficiarán a 58 concellos e a 17.973 familias ou empresas. “Porque terminar coa fenda dixital é tamén favorecer a inclusión e mellorar a calidade de vida de todos e todas os que viven lonxe dos grandes núcleos de poboación, así como facer fronte a un dos grandes retos aos que se enfronta o noso país neste século, o demográfico”, incidiu Larriba.

O Programa Único-Banda Ancha

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital impulsa o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (ÚNICO) do que se beneficiarán 89.548 fogares e empresas en Galicia ata o de agora sen cobertura dunha velocidade de acceso superior a 100 Mbps.
O programa enmárcase dentro do Investimento 1 da Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que conta cun orzamento de 4.000 millóns de euros.