Isabel Rodríguez anuncia en A Pastoriza que el Gobierno ayudará con hasta 10.800€ a la juventud que compre vivienda en ayuntamientos de menos de 10.000 habitantes

Imaxe subdelegada na Pastoriza

10/02/2022

Tamén subvencionará o aluguer a mozos que aluguen vivendas nestes concellos

A subdelegada do Goberno reúnese con alcaldes e responsables municipais da Terra Chá de concellos que entran dentro desta categoría de poboación para trasladarlles o programa do Plan Estatal de Acceso á Vivenda

Explica que o Goberno traballa para facer efectivo o dereito constitucional que recoñece o acceso únaa vivenda digna

Lembra que o reto demográfico é unha política transversal que o Goberno está a incorporar a todas as iniciativas para avanzar cara a cohesión territorial e social en España

Na provincia de Lugo estas medidas benefician a 61 dos 67 concellos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención tamén se estende á mocidade que opte polo aluguer no lugar de comprar vivenda. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos.

Isabel Rodríguez informou desta medida na Pastoriza, onde mantivo unha reunión, na Casa da Cultura, con alcaldes e representantes municipais da comarca da Terra Chá que entran dentro desta categoría de poboación. Na reunión tomaron parte os alcaldes de Abadín, Castro de Rei, A Pastoriza e Xermade, así como a primeira tenente de alcaldesa de Guitiriz e o axente de desenvolvemento local do Concello de Muras.

A subdelegada puxo en valor un programa que “facilitará que a mocidade opte polos pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e destacou o impacto que pode ter esta medida na nosa provincia na que “61 dos 67 concellos entran dentro desta categoría de poboación”.

Isabel Rodríguez explicou que o obxectivo que se fixa o Goberno con estas novas axudas é axudar a asentar poboación nova nos pequenos concellos para frear o seu declive.

Lembrou que o reto demográfico é unha política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como poden ser a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.

Axudas para compra e aluguer

O Programa de axuda ás persoas novas para contribuír ao reto demográfico é un do trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno.

O obxectivo deste programa é atraer mozos aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.

Para isto contémplanse dúas axudas:

- Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.

-Unha axuda ao aluguer por cinco anos. Será unha axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de aluguer novo de forma que pode cubrir ata o 75% do custe do aluguer.

Convocatorias autonómicas

A subdelegada explicou que estas axudas teñen vixencia desde o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa desde comezos deste ano.

Explicou que o Ministerio de Transportes, organismo responsable do Plan Estatal, dispón dos fondos nas partidas orzamentarias deste ano que serán transferidos á Xunta, pois será esta administración a que se ocupe da convocatoria das axudas.