María Rivas aborda co novo xefe superior de Policía de Galicia a importancia de manter a colaboración entre institucións e os bos datos de criminalidade na provincia

María Rivas aborda co novo xefe superior de Policía de Galicia a importancia de manter a colaboración entre institucións e os bos datos de criminalidade na provincia

02/05/2022

Con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, a subdelegada e o xefe superior destacan a relevancia do Plan Director para os centros educativos e o traballo realizado contra o acoso

Neste curso xa participaron máis de 10.000 persoas na provincia da Coruña nas actividades do Plan Director para a Mellora da Convivencia e a Seguridade dos Centros Educativos e as súas Contornas

María Rivas e Ramón Gómez celebran a súa primeira reunión de traballo na Subdelegación e comprometen unha actividade conxunta frutífera


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, abordou co novo xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez, a importancia de manter a colaboración entre institucións e os bos datos de criminalidade na provincia. Hoxe celebraron na Subdelegación a súa primeira reunión de traballo.

María Rivas e Ramón Gómez lembraron que A Coruña está entre as provincias máis seguras do Estado. Trataron a situación actual na que existe unha importante colaboración entre institucións, en especial cos concellos e as policías locais, e acordaron continuar nesta liña.

A subdelegada e o xefe superior comprometeron unha actividade conxunta e frutífera. No Día Internacional contra o Acoso Escolar Puxeron como exemplo o Plan Director para os centros educativos, no que a cooperación constante e o traballo para acabar co acoso queda patente.

De feito, no que vai de curso xa participaron máis de 10.000 persoas na provincia da Coruña nas actividades do Plan Director para a Mellora da Convivencia e a Seguridade dos Centros Educativos e as súas Contornas, con 150 centros e máis de 500 actividades. A Policía Nacional e a Garda Civil colaboran nesta iniciativa coa comunidade educativa.