José Miñones subliña que a próxima consideración dos vixiantes de seguridade privada como axentes de autoridade dotaralles de maior seguridade xurídica nas súas tarefas

José Miñones subliña que a próxima consideración dos vixiantes de seguridade privada como axentes de autoridade dotaralles de maior seguridade xurídica nas súas tarefas

25/05/2022

Esta consideración forma parte do novo Regulamento da Seguridade Privada, que se publicará este ano

O Goberno responde as necesidades actuais do sector cunha normativa que loita contra o intrusismo e que facilita a colaboración destas empresas ante novas formas de delincuencia como a tecnolóxica

O delegado destaca o peso da seguridade privada, que emprega en España a 100.000 persoas e factura máis de 4.500 millóns de euros anuais


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou que o novo Regulamento de Seguridade Privada elevará aos vixiantes privados á categoría de axentes da autoridade, o que dotará a este colectivo de maior seguridade xurídica e protección fronte a agresións ou incidentes: “un avance moi importante e merecido”. 

Así o detallou hoxe José Miñones na Coruña, durante o acto de celebración do Día Nacional da Seguridade Privada na comunidade. No evento concedéronse as mencións honoríficas impostas por Policía Nacional e por Garda Civil a persoal de distintas empresas de seguridade privada que desenvolven a súa actividade en Galicia.

A conmemoración recuperou este ano o seu formato habitual, e na mesma participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez, e o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez, ademais doutras autoridades.

Un regulamento moderno

Na súa intervención, José Miñones reiterou o peso da seguridade privada no mantemento da seguridade pública, “que é un exemplo de colaboración público privada en beneficio da sociedade”, recalcou.

“Atopámonos nun momento clave, na antesala da aprobación do novo Regulamento de Seguridade Privada”, apuntou o delegado, “unha normativa moi esperada por vixiantes, empresas e polos propios Corpos de Seguridade do Estado que pasou por unha longa tramitación pública”. E detallou que o novo regulamento imporá medidas que loitarán contra o intrusismo e a competencia desleal neste sector, ademais de posibilitar a colaboración destas empresas na loita contra novas formas de delincuencia como a tecnolóxica.

Xunto ao regulamento, o delegado tamén avanzou a próxima aprobación dun novo ciclo formativo de grao medio de Técnico en Seguridade. Un módulo de formación profesional de máis de 2.000 horas lectivas que seguro recibirá unha moi boa acollida polos futuros profesionais. Tamén avogou pola incorporación da muller a estas actividades, tras lembrar que a presenza feminina apenas chega hoxe ao 20% dos persoais de seguridade privada.

O delegado destacou o peso deste sector en España, que facturou o pasado ano máis de 4.500 millóns de euros e empregou a 100.000 persoas, grazas ás máis de 1.400 empresas autorizadas para exercer esta actividade.

O Día Nacional da Seguridade Privada foi instaurado en 2013 polo Ministerio do Interior co obxectivo de recoñecer o labor das empresas e das persoas que integran este sector en España e agradecer de maneira especial, o labor de quen destacaron polo seu traballo, entrega e colaboración coa seguridade pública no último ano