Santa Engracia

Unha lei do 13 de xullo de 1882 autorizou a demolición da Real Fábrica de Tapices e a alleación dos terreos pertencentes ao Patrimonio Real, pero ata 1905 non se resolveron os problemas urbanísticos que afectaban a estes solares.

A viúva de Adanero, Dona Josefa Fernández Durán y Caballero, que vivía no corazón do antigo Madrid -no palacio do Marqués de Perales, o seu pai- adquire un solar en 1910 a dezaseis pesetas "o pé cadrado" que, ao resultar escaso para o proxecto, se lle engade outro máis pequeno no mesmo ano resultando un cuadrilátero de 1.667,2 metros cadrados.

O proxecto foille encargado ao arquitecto de moda, Don Joaquín Saldaña, que xa construíra outros "hoteis-palacios" -terminoloxía empregada naqueles anos- para a marquesa de Hinojosa e o duque de Hijar, antes, e, despois, para o conde de Santa Coloma, o duque de Plasencia e o de Tamames e a duquesa de Andría. Concibido desde unha óptica de vistoso eclecticismo introduce trazos xa adoptados pola arquitectura madrileña "ao gusto" daquela época pero imprimíndolle ao de Adanero un equilibrio formal e expresivo que lle dá unha indiscutible gravidade, digna de resaltar.

Ao non poder atender persoalmente a obra, segundo o proxecto de Saldaña, foi dirixida polo enxeñeiro arquitecto Mariano Carderera, que estaba no final da súa carreira profesional durante a cal realizou edificios tan notables de Madrid como a Escola Superior de Enxeñeiros de Camiños do Retiro ou a fachada do Casón del Buen Retiro.

A mansión concibiuse para aloxar "tres habitacións principais” -hoxe chamadas vivendas- amén da do porteiro e do servizo. Saldaña puxo particular empeño no deseño da decoración interior, como se pode aínda observar na gran calidade das madeiras nobres do piso, as escaiolas, as molduras, as espléndidas chemineas e os magníficos ferros da escaleira principal.

A tira de cordas fíxose en maio de 1911 e ata cincuenta e dous meses despois non se puido solicitar a licenza municipal, outorgándose "a placa de salubridade", -requisito ineludible para habitala días máis tarde-, a principios de 1914. A valoración que se fixo do solar foi de catrocentas mil pesetas e de un millón a construción.

Do mobiliario só se pode dicir que a colección de pinturas dos Adanero era unha das privadas máis importantes, froito da herdanza recibida polo Conde de Adanero, Don Gonzalo de Ulloa y Calderón (esposo de Dona Josefa, a quen deixou como herdeira e os seus catro fillos, tras a súa morte a consecuencia dunha caída dun cabalo) e as excepcionais lámpadas de cristal da Granja e Bohemia, das que se conservan varias adquiridas polo IEAL, en 1941, nun total de corenta e sete mil pesetas.

Durante a Guerra Civil empregouse como almacén de obxectos valiosos requisados e afirmouse que Dolores Ibarruri instalou alí o seu despacho. Terminado o conflito, a Condesa Viúva de Adanero, que apenas habitara aquela residencia, contratou un arrendamento en 1940 coa Comisión Reguladora de Produción de Metais que logo cambiaría o nome polo de Sindicato Nacional do Metal.

Nese mesmo ano creouse o Instituto de Estudos de Administración Local (IEAL) e, ante as necesidades dun edificio, o Ministerio da Gobernación convocou un concurso, que resultou negativo.

A condesa viúva de Adanero ofreceu o seu Palacio de Santa Engracia e, tras cumprirse todos os requisitos legais previos, asinouse a compravenda por un importe total de tres millóns cincocentas mil pesetas, o día 12 de agosto de 1941.

Tras as obras necesarias de adaptación do edificio, o IEAL comezou a funcionar en Santa Engracia no outono de 1942. Anos máis tarde, en 1959, producíronse as obras de transformación máis importantes de Santa Engracia, coa eliminación das cortes e cocheiras e a construción dun novo edificio dedicado á Escola Nacional de Administración Local.

Os cursos de formación e perfeccionamento de funcionarios locais e a edición de libros e revistas especializadas no mundo local foron os referentes de Santa Engracia, pero, tras a reforma do réxime xurídico do IEAL en 1967, deuse un gran impulso ás relacións con Iberoamérica e ás publicacións, creándose centros especializados no seu seno, como o de "Estudos Urbanos". O feito de celebrarse nesta sede oposicións a cátedras de Dereito Administrativo -algunhas, pola súa brillantez, foron referidas por xeracións- e ao dispoñerse dunha magnífica biblioteca especializada naquela materia, deron lugar a que fose considerada paradigmática para os pretendentes a aquela cátedra.

En abril de 1979, Santa Engracia foi sede do Ministerio de Administración Territorial con Don Antonio Fontán, ata que, por necesidades de espazo, se trasladou á antiga sede da Dirección Xeral de Sanidade da Plaza de España, a mediados de 1980. Isto coincidiu coa situación da Federación Española de Municipios e Provincias que alí permaneceu ata 1987. Ambos feitos incrementaron o protagonismo na vida política española de Santa Engracia.

As modificacións na estrutura do edificio foron escasísimas nestes anos, aínda que si existisen obras de transformación na súa distribución e de mantemento. A recente instalación dos Servizos de Biblioteca e Documentación do MAP, en 2002, tivo repercusión nos medios de comunicación e procedeuse á apertura desta elegante e coñecidísima Biblioteca especializada.

Na actualidade Santa Engracia alberga, tamén, a Dirección Xeral de Política Autonómica, que é a competente para elaborar, entre outras, as transferencias competenciais ás Autonomías.

Bibliografía: La recuperación del Hospital de San Carlos del INAP (MAP 1991), El INAP y el palacio de la condesa de Adanero: páxinas 187 a 205, por Pedro Navascués Palacio e páxinas 207 a 224, por Enrique Orduña.