Isabel Rodríguez: “Os Presupostos de 2019 beneficiarán a máis de 30.000 pensionistas do sur da provincia e suporán un investimento de máis de 22 millóns para mellorar o ferrocarril e as estradas”

Isabel Rodríguez: “Os Presupostos de 2019 beneficiarán a máis de 30.000 pensionistas do sur da provincia e suporán un investimento de máis de 22 millóns para mellorar o ferrocarril e as estradas”

31/01/2019


A subdelegada do Goberno destaca que “estes Presupostos son unha aposta decidida pola provincia de Lugo xa que o investimento en obra pública medra este ano un 18%, nunhas contas que teñen como principal obxectivo atender ás persoas máis castigadas polos recortes do PP”

Isabel Rodríguez explica que “o Goberno implícase na recuperación do Estado do Benestar sen desatender as obras que modernizarán a provincia de Lugo e mellorarán a calidade de vida dos lucenses”


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe da importante repercusión que teñen para o sur da provincia de Lugo os Presupostos Xerais do Estado para 2019 que sintetizou no feito de que “beneficiarán a máis de 30.000 pensionistas dos concellos do sur da provincia e suporán un investimento de máis de 22 millóns directos na zona para a mellora de estradas e do ferrocarril”.

Con estes datos demóstrase, como explicou a subdelegada que “estes Presupostos supoñen unha aposta pola provincia de Lugo, pois o investimento real en obra pública na provincia medra este ano un 18,24%, ata alcanzar a cifra de 71,2 millóns de euros, nunhas contas que teñen como principal obxectivo atender ás persoas máis vulnerables, que resultaron máis castigadas polos recortes dos gobernos do PP”.

“O Goberno implícase na recuperación do Estado do Benestar e faino sen desatender as obras que modernizarán a provincia de Lugo e mellorarán a calidade de vida dos lucenses”, aclarou a subdelegada. De feito, “nas contas do Estado para 2019, o Goberno dálle prioridade aos pensionistas, os desempregados, ás mulleres maltratadas ou aos bolseiros, para acabar cos recortes que sufriron durante os anos que gobernou o PP”.

Isabel Rodríguez detallou que a revalorización das pensións beneficiará a  30.615 veciños residentes nos concellos das comarcas de Lemos, Sarria, Chantada e A Ulloa. Os pensionistas tamén se beneficiarán da supresión progresiva do copago farmacéutico. Do mesmo xeito, os Presupostos do Estado para 2019  aumentan a 30,5 millóns de euros as partidas para becas para chegar a 52.426 estudantes. A recuperación do subsidio de desemprego para maiores de 52 anos supón un investimento de 15,1 millóns para chegar a 5.343 galegos e galegas. E, ademais, 61 concellos da provincia de Lugo poderanse adherir ao programa para facerlle fronte ao reto demográfico que conta con 80 millóns de euros para concellos con menos de 10.000 habitantes.

22,6 MILLÓNS EN OBRAS

Estas importantes medidas sociais refórzanse coas partidas económicas en investimentos para a modernización das comunicacións por estrada e ferrocarril na provincia de Lugo. Así, a subdelegada detallou que o sur da provincia de Lugo beneficiarase dun investimento en obra pública que superará os 22,6 millóns de euros, para obras que se executarán en concellos das comarcas Lemos, Chantada, A Ulloa e Sarria.

A comarca de Lemos beneficiase duns investimentos previstos tanto para a mellora das comunicacións por ferrocarril como por estrada. Así, nos Presupostos para a provincia destaca o aumento nun 96,1% do investimento na modernización do ferrocarril, que pasa dos 8,8 millóns de 2018 aos 17,4 neste ano.Os investimentos máis destacados de Adif son os  8,8 millóns de euros para a renovación de variantes da liña Monforte-Lugo, 5,1 millóns á electrificación da liña Monforte Lugo e outros 160.000 euros para  a Liña de Alta Velocidade Lugo-Ourense. Ademais, Fomento reserva 3,3 millóns de euros para a A-56, no treito A Barrela-San Mariño, e outros 422.290 euros son para a A-76 na circunvalación de Monforte. Este concello contará tamén cun orzamento de 400.000 euros con destino á labores de conservación e restauración do Mosteiro San Vicente do Pino.

A comarca da Ulloa beneficiarase do investimento previsto nos Presupostos para o treito Palas de Rei-Melide da Autovía A-54, que ascende a 3,2 millóns de euros. E na comarca de Sarria, os concellos de Paradela, Portomarín e Samos beneficiaranse dos investimentos previstos dentro do programa de intervencións en  concellos do Camiño Francés, que conta con unha partida total de 1,2 millóns de euros.

Ademais, os Presupostos inclúen 200.000 euros para rehabilitación do firme da N-540 e outros 200.000 euros con destino á N-547 para melloras nos cruces dos Camiños de Santiago

A estes investimentos hai que engadir outras partidas programadas para actuacións que se levarán a cabo no conxunto da provincia ata acadar a cifra total de 71.224.690 euros. O investimento real en estradas é de 43,45 millóns de euros. O Presuposto inclúe partidas para as autovías A-54, A-56, A-74 e A-76, ademais de 26 millóns de euros para a conservación de estradas, así como 9,4 millóns para adecuación dos túneles ao RD 635/2006 sobre seguridade e 5 millóns de euros para medios antinéboa na A-8.