O subdelegado do Goberno en Ourense avanza que a Garda Civil prestará especial atención á vixilancia nocturna para evitar a entrada de uva foránea na vendima

O subdelegado do Goberno en Ourense avanza que a Garda Civil prestará especial atención á vixilancia nocturna para evitar a entrada de uva foránea na vendima

12/09/2019


Emilio González apunta que a presenza das Forzas e Corpos de Seguridade e dos operativos organizados polas mesmas, así como a colaboración dos Consellos Reguladores é determinante para evitar o fraude coa entrada de uva foránea na provincia

Na campaña desenvolvida en 2018 só se detectaron dous casos de uso fraudulento de uva foránea


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia, Marisol Díaz, copresidiron esta mañá a reunión de coordinación para o control de uva foránea, en coincidencia co inicio da vendima. Na mesma, participaron tamén: o Xefe Territorial de Medio Rural, Yago Borrajo; o Secretario Xeral da Subdelegación, Manuel Arias; o Xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá do CNP, José Manuel Barbero Corchete; o Xefe Provincial da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; o Comandante Xefe Accidental da Comandancia da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva; o Tenente Xefe da Sección do SEPRONA, Pablo Medela Gallego; e representantes dos Consellos Reguladores da Denominación de Orixe: Marta Villén (Ribeira Sacra), Lara da Silva (Monterrei) e Luis Vázquez (Ribeiro).

Na reunión realizouse unha valoración positiva da campaña do ano 2018 na que se detectaron mínimos casos de uso fraudulento de uva foránea. Foron 2 os casos de uso fraudulento detectados e, como consecuencia diso, unha das adegas afectadas non puido elaborar viño baixo amparo da Denominación de Orixe correspondente.

Os presentes na reunión coincidiron en afirmar que o control da entrada de uva foránea é un dos puntos fundamentais para garantir a denominación de orixe, na que se basea o prestixio e a calidade dos viños. Por iso, debido á existencia de sospeitas de que se produzan novos intentos de introdución de uva foránea, articularase unha maior coordinación e información entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os responsables dos Consellos Reguladores das 4 Denominacións de Orixe existentes na provincia.

Asimesmo, intensificarase a presenza física de axentes e a realización de operativos nocturnos. O subdelegado afirmou que se prestará especial atención á vixilancia nocturna porque este sector é de vital importancia para a economía da provincia e necesita un esforzo.

Tamén se acordou na reunión a coordinación e a participación nas actividades que se leven a cabo da Xunta de Galicia, a través da Xefatura Territorial de Medio Rural na provincia de Ourense.

Os diversos controis levados a cabo, así como a coordinación e o intercambio de información están dando resultados importantes na redución de casos de fraude de introdución de uva foránea na provincia, polo que se agarda que nesta campaña a tendencia continúe á baixa.