A subdelegada do Goberno en Lugo anuncia a licitación das obras do novo Centro da Seguridade Social de Viveiro

A subdelegada do Goberno en Lugo anuncia a licitación das obras do novo Centro da Seguridade Social de Viveiro

18/09/2019

A subdelegada do Goberno, a alcaldesa e o director provincial do INSS presentaron hoxe o proxecto para construir o inmoble, que sae a licitación cun presuposto de case 994.000 euros e un prazo de execución de 10 meses

“Damos o paso definitivo para dotar a Viveiro dunhas modernas instalacións para este servizo público, polas que levábamos moitos anos agardando, para facer posible que a Seguridade Social poida atender nas mellores condicións aos cidadáns”, destacou Isabel Rodríguez

A alcaldesa de Viveiro mostrou a súa satisfacción porque “despois de tantas promesas incumpridas, ao fin vemos que o novo Centro da Seguridade Social vai ser unha realidade”

12.000 cidadáns reciben atención cada ano no CAISS de Viveiro, que dá servizo á Mariña Oriental. A construción da nova sede permitirá liberar espazos no ISM de Celeiro

O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social explicou que o edificio construirase nunha parcela de 1.490 m2, será acristalado e terá unha única pranta con 404 m2 construídos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe a licitación das obras do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social en Viveiro.  A subdelegada do Goberno que estivo acompañada pola alcaldesa, María Loureiro;  o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e a directora do CAISS de Viveiro, presentaron esta mañá o proxecto para a construción do novo edificio, que se levantará nunha parcela situada na avenida de Ramón Canosa, número 6, á caron do edificio de Correos e fronte ao porto de Viveiro.

Isabel Rodríguez deu conta de que o Goberno sacou a licitación esta mesma semana  a construción da nova sede do CAISS, longamente esperada,  cun presuposto de case 993.441 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 10 meses. As empresas poderán presentar ofertas ata o 14 de outubro.

“Damos así o paso definitivo para dotar a Viveiro dunhas modernas instalacións para este servizo público, para facer posible que a Seguridade Social poida atender nas mellores condición saos cidadáns. Como poden supoñer, para mín supón unha gran satisfacción presentarlle aos veciños e veciñas de o proxecto de construcción do edificio que vai ser a nova sede do CAISS de Viveiro, pola que levamos moitos anos agardando”, manifestou a subdelegada.

Rodríguez explicou que “nesta parcela na que nos atopamos construiranse as novas instalacións da Seguridade Social para atender coa maior dignidade e privacidade aos cidadáns e onde poderá traballar con mellores condicións o persoal do INSS. Aproveito para agradecerlles os anos que levan facendo o seu labor nunhas instalación que non son precisamente cómodas. Xa saben que actualmente as instalacións da Seguridade Social están en Celeiro, no mesmo edificio que ocupa o Instituto Social da Mariña, co que se a construción do novo edificio permitirá liberar espazos que poderán ser utilizados polo ISM e polos servizos sociais da Xunta”.

12.000 USUARIOS

 “Da trascendencia desta obra dá idea o feito de que cada ano 12.000 cidadáns reciben atención  neste Centro da Seguridade Social, que atende cada mes a 1.000 persoas e dá servizo aos concellos da Mariña Oriental, polo tanto, penso que non é esaxerado dicir que hoxe estamos de noraboa, porque esta é unha gran noticia para a cidade e para o resto dos concellos aos que dá servizo a Seguridade Social”, incidiu a subdelegada.

HUMANIZACIÓN DA ZONA

Para a alcaldesa de Viveiro, “hoxe é un día de satisfacción, estamos moi contentos porque, por fin, despois de tantas promesas incumpridas e tantos anos esperando, vemos que o novo Centro da Seguridade Social é unha realidade”. María Loureimo indicou que “cremos que con este edificio vaise mellorar a calidade e accesibilidade para os veciños e veciñas de Viveiro e imos humanizar esa zona e melloraranse todos os aspectos, tanto funcionais como estéticos”.

EDIFICIO ACRISTALADO

Pola súa parte, o director provincial da Seguridade Social na provincia, Juan José Rodríguez Gude, detallou que a nova sede do CAISS de Viveiro levantarase nunha parcela propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social  situada na avenida de Ramón Canosa, número 6. Trátase dun solar dotacional do Plan Parcial Lodeiro-Lavandeiras de 1.490 m2 de superficie, que está situado fronte ao porto.

Tal como informou, o proxecto prevé a construción dun edificio exento na parcela, totalmente acristalado e diáfano na zona administrativa, con unha pastilla opaca na parte traseira, na que se ubican os locais técnicos e de servizo. Na parte posterior haberá un aparcamento para 11 automóbiles, 1 praza reservada para discapacitados e área para motocicletas e bicicletas.

O edificio será rectangular. De aproximadamente 33,60 x 14,40 metros e con unha única planta. A superficie construída será de 404 m2 e a útil de 368,30 m2, dos que 294,30m2 destinaranse á area de administrativa, que incluirá a zona de atención aos cidadáns e de espera, zona de autoxestión informática a disposición dos cidadans, vestíbulo, sala de reunións, etc. Os 74 m2 restantes resérvanse para aseos, arquivo, almacén e área técnica.