A subdelegada do Goberno en Pontevedra traslada aos sectores comerciais da provincia a necesidade de tomar a iniciativa ante o Brexit

Imaxe da inauguracion

09/10/2019


Na súa intervención, aproveitou a ocasión para incidir na preparación dos plans de continxencia por parte de todos os operadores económicos da provincia, tan vinculados ás relacións comerciais co Reino Unido, ofrecendo todo o apoio da Administración Xeral do Estado


A subdelegada do Goberno en Pontevedra  inaugurou, xunto ao alcade de Vigo, Abel Caballero, unha nova xornada divulgativa sobre a empresa española ante o Brexit, organizada pola Secretaría de Estado de Comercio e  o ICEX xunto á Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. 

Maica Larriba manifestou a necesidade de ter preparados todos os plans de continxencia ante a saída, máis ou menos abrupta, da rede comercial común da UE por parte do Reino Unido. A pesar de non contar co escenario final coas circunstancias nas que se levará a cabo, Larriba indicou que “o Goberno de España leva preparando desde hai un ano os plans de continxencia para os diferentes sectores que quedarán afectados con esta nova conxuntura que deberá cambiar a operativa comercial, sendo unha boa oportunidade para buscar vantaxes fronte a nosos competidores”.

Por este motivo, a temática desta xornada de traballo estivo centrada no ámbito pesqueiro e industrial xa que é especialmente relevante para Galicia e, en concreto, para a provincia de Pontevedra. Tal como indicou a subdelegada do Goberno “a día de hoxe, o Reino Unido constitúe un dos principais socios comerciais de Galicia sendo o cuarto destino das nosas exportacións cun total de 502 empresas galegas que actualmente están a operar os seus produtos con este país, facturando máis de 1600 millóns de euros en 2018”.

Esta particularidade é a que levou á propia Delegación do Goberno en Galicia á creación dun grupo de traballo Brexit-Galicia desde o pasado mes de xullo, reunindo ás principais asociacións sectoriais da  comunidade autónoma, así como ás autoridades portuarias xunto a expertos académicos para coordinar medidas efectivas para o futuro comercial pesqueiro. En relación a isto, Maica Larriba mantivo o seu compromiso co sector, implicándose estreitamente coa Comisión Especial de Pesca que tivo o seu primeiro contacto desde a propia Subdelegación provincial e que mantén as súas propostas de traballo actualmente. En concreto, a subdelegada do Goberno engadiu respecto diso que “ é necesario que os operadores teñan en conta as infraestruturas dos portos e aeroportos xa que o Reino Unido convértese nun terceiro país e as súas mercadorías e pasaxeiros deben cumprir os requisitos, tanto a nivel de aduanas como sanitarios”.

Os relatorios contaron coa participación do Director de Comercio e  ICEX en Galicia, Sergio Prieto e o Xefe da Dependencia Rexional de Aduanas e  IIEE, Jaime Moreno  Gayá, xunto a representantes da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Ademais deste ámbito informativo e de asesoramento ao mundo empresarial, a administración española inclúe outros ámbitos dentro do plan estratéxico como son medidas lexislativas e apoio directo ás empresas como o “Cheque-Brexit” e axudas sectoriais para o reforzo na información e apoio empresarial.