Emilio González Afonso presidiu a reunión cos representantes das diversas unidades da Administración Xeral do Estado na provincia de Ourense


Detalláronse as principais actuacións levadas a cabo por cada unha das unidades da AXE na provincia.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil detallou actuacións por un valor de 1,9 millóns de euros.

A Unidade de Estradas do Estado salientou a necesidade de salvagardar a seguridade de traballadores e condutores nas obras de reparación da N-120 tralos desprendementos

11-12-2019

Imagen

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu a reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado do Goberno na que se fixo un balance xeral das actuacións levadas a cabo polas distintas unidades da Administración Xeral do Estado (AXE) na provincia, poñendo tamén de manifesto as principais necesidades detectadas en cada unha delas.

Emilio González salientou a intensa labor que levan a cabo as distintas unidades da AXE, a pesar de contar nalgúns casos con problemas de dotación de persoal.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil detallou as principais actuacións adxudicadas no segundo semestre de 2019 por un valor de máis de 1,9 millóns de euros, na que se inclúen, entre outras, actuacións de acondicionamento e conservación do dominio público hidráulico (DPH) nas provincias de Ourense e Pontevedra, a redacción do proxecto de actuacións de mellora de saneamento da EDAR de Maceda, a redacción do proxecto de saneamento no núcleo de Bentraces (Barbadás), as redaccións dos proxectos para acondicionamento dos paseos das marxes dos ríos Arenteiro (O Carballiño) e Formigueiro (Amoeiro) ou o proxecto de senda peonil entre Tarreirigo e o núcleo de Esgos.

Dende a Unidade de Estradas do Estado na provincia fíxose fincapé nas obras de reparación na N-120 derivadas dos desprendementos producidos o pasado día 8 de novembro, destacando a necesidade de salvagardar a seguridade dos traballadores e dos condutores .

Igualmente se fixo fincapé na posta en marcha das obras da circunvalación de O Barco e das obras de reafirmado en distintas estradas da provincia por un importe de máis de 4 millóns de euros. Así mesmo, detallouse que se  atopan nun estado de redacción moi avanzado os proxectos da A-76 Ponferrada-Ourense e do paso inferior de Ribela no termo municipal de Coles.

En canto á seguridade cidadá, segundo datos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a provincia de Ourense mantense como unha provincia segura na que non se observa incremento de delitos con respecto ao ano 2018.

No tocante ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar destacouse que no primeiro semestre de 2020 Ourense contará cun Módulo de Hospitalización para a asistencia dos internos e que se levarán a cabo melloras e acondicionamento da estación depuradora do centro, de diversas infraestruturas e o acondicionamento das garitas de vixilancia. Igualmente destacáronse os diversos programas de tratamento que se realizaron ao longo do ano 2019 como o programa de intervención sobre a violencia de xénero, programas de deshabituación e prevención de recaídas para persoas toxicómanas ou  itinerarios personalizados de inserción socio-laboral.

En canto aos datos aportados pola Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) constátanse no ano 2019 un total de 10 falecidos (7 en estrada e 3 urbanos na capital) e 79 feridos graves, cifras que diminúen con respecto ao ano 2018 (18 falecidos e 101 feridos graves). Ademais, no ano 2019 na provincia rexistráronse un total de 1.012 colisións con fauna salvaxe, principalmente xabarís, sendo cada vez máis frecuentes en tramos de autovía.

Así mesmo, obsérvase na provincia un descenso no número de matriculacións en 2019. Neste ano matriculáronse un total de 5.593 vehículos fronte aos 6.656 matriculados en todo o ano 2018.

O Servizo Provincial de MUFACE en Ourense foi distinguido no mes de novembro pola Dirección Xeral de Muface como o servizo provincial que mellor funciona de toda España, conforme aos parámetros que valoran, entre outros, criterios como a atención presencial prestada aos mutualistas e o prazo de resolución de expedientes de incapacidade temporal, lesións permanentes non invalidantes ou recoñecemento de dereitos derivados de accidentes en acto de servizo.

No tocante ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en Ourense constatouse dende xaneiro ata outubro de 2019 un incremento do 6,15% de expedientes tramitados con respecto ao mesmo período do ano 2018, debido sobre todo ao incremento do subsidio por desemprego para maiores de 52 anos aprobado no último ano.

Segundo os datos do mes de novembro o paro rexistrado sitúase en 18.537 persoas. En relación cos datos do mes de novembro de 2018 supoñen unha redución do paro en 928 persoas, o que representa un 4,77% menos.

No relativo aos datos do INSS en relación á evolución do emprego na provincia, os datos de novembro de  2019 poñen de manifesto unha perda con respecto a outubro do mesmo ano de 571 postos de traballo. En relación ao número de empresas nunha comparativa entre outubro de 2018 e outubro de 2019 ponse de manifesto que desapareceron un total de 79 empresas. Aínda así, incrementouse a recadación de cotas na provincia de Ourense nun 6,72% debido, sobre todo, á incidencia da subida do salario mínimo interprofesional

Tamén se destacou o traballo levado a cabo polo Instituto Nacional de Estatística (INE) neste ano debido ás distintas convocatorias electorais. Cabe destacar o número de solicitudes de voto por correo que se tramitaron nesta unidade: 9.223 solicitudes do Censo Electoral de Españois Residentes en Ourense (CER) e 4.943 do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) en abril; 10.698 do CER e 2.604 do CERA en maio; 9.457 do (CER) e 1.286 do CERA (ademais dos 4.943 iniciais de abril) en novembro.

O resultado das cifras de poboación na provincia de Ourense segue a tendencia similar a anos anteriores, cun total superior aos 307.500 habitantes, o que supón un descenso de menos de 2.000 habitantes en menos dun ano.