O subdelegado do Goberno preside a entrega das distincións ao Mérito Civil e ao Mérito da Protección Civil a membros das Forzas e Corpos de Seguridade de Ourense


Emilio González destacou o esforzo e a traxectoria profesional dos condecorados, que asumiron un compromiso coa sociedade e que traballan eficazmente para protexer á cidadanía.

As distincións premian servizos relevantes ao Estado, con traballos extraordinarios, proveitosas iniciativas ou constancia exemplar no cumprimento dos seus deberes.

16-12-2019

A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu na mañá de hoxe o acto de  entrega das dez distincións ao Mérito Civil e ao Mérito da Protección Civil a membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na provincia. Foi  presidido polo subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, e ao mesmo acudiron representantes das institucións da provincia.

Nas súa palabras, o subdelegado do Goberno salientou “a máxima entrega dos condecorados na súa labor diaria”, destacando as características de traballo en equipo, iniciativa e actitude positiva que os fan ser exemplo de servidores públicos e que definen ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dos que forman parte.

Emilio González resaltou que a entrega das mencionadas condecoracións “pon en valor o voso esforzo e vocación de servizo público dentro e fóra do traballo, valores que representan a esencia de ser servidores do Estado e que fortalecen a seguridade da nosa provincia”, animando aos condecorados a seguir traballando coa mesma vocación, con transparencia e con proximidade á cidadanía.

CONDECORACIÓNS

Durante o acto ingresaron na Orde do Mérito Civil pola súa traxectoria profesional e méritos acumulados na mesma os seguintes membros das Forzas de Seguridade:

  • Coa Cruz de Oficial, a inspectora de policía Rosa Mª Seara Pateiro, Xefa do Grupo Operativo da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras de Ourense.
  • Coa Cruz ao Mérito Civil, o subinspector José Manuel Araújo Fernández, destinado na Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría Provincial de Ourense.
  • Coa Cruz ao Mérito Civil, o subtenente Fernando González García, destinado no Centro Operativo de Servizos (COS) da Comandancia de Ourense.

Ademais, no mesmo acto impuxéronse sete Medallas ao Mérito de Protección Civil na súa categoría de Bronce con distintivo azul a:

  • Norberto Aser González Trigo, tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, polas actuacións levada a cabo nos incendios forestais que se produciron en outubro de 2017 na provincia de Ourense.
  • Aarón Rodríguez Gómez, Raúl Rodríguez González e José Antonio Guede Cid, policías nacionais destinados na Comisaría Provincial de Ourense, pola actuación levada a cabo en setembro de 2018 ao evitar que unha persoa moi axitada e de avanzada idade se tirase pola fiestra do seu domicilio.
  • José Conde Rúa, policía da Brigada Provincial de Información da Comisaría Provincial de Ourense, pola actuación levada a cabo en xaneiro de 2019 ao intervir nunha discusión entre condutores na vía pública cando se dirixía ao seu posto de traballo e ser, posteriormente, atropelado por un vehículo.
  • Julio Verdeal Montesinos, policía da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Comisaría Provincial de Ourense, pola actuación de febreiro de 2019, rescatando a unha persoa encerrada no interior da súa vivenda que se atopaba ferida e que non podía moverse.
  • Marcos Aurelio Rebollo de la Fuente, policía nacional destinado na Comisaría Provincial de Ourense, pola actuación de outubro de 2017 cando, franco de servizo, salvou a vida dunha persoa na vía pública, inconsciente no chan, mediante reanimación cardiopulmonar.