A Xunta Local de Seguridade de Sada acorda avanzar na adopción de medidas para a prevención e loita contra a violencia machista no municipio


A subdelegada do Goberno e o alcalde presiden a xuntanza da Xunta Local de Seguridade desenvolta no Concello

Analizouse a situación da seguridade no municipio, que segue a manter unha taxa de criminalidade inferior á media da provincia

18-12-2019

Imaxe da reunión

A Xunta Local de Seguridade de Sada, reunida esta mañá, acordou impulsar medidas no eido local para mellorar a prevención e loita contra a violencia de xénero no municipio. A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e o alcalde de Sada, Benito Portela, copresidiron a reunión deste órgano de cooperación en materia de seguridade, á que tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel Reimúndez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, acompañado polo xefe do Cuartel de Sada e responsables da Agrupación da Garda Civil de Tráfico da provincia; responsables da Policía Local e un representante da Policía Autonómica.

Na reunión acordouse avanzar nos próximos meses en tres importantes medidas para mellorar a atención das vítimas de violencia machista e avanzar na eliminación desta lacra a nivel local. A primeira é a incorporación da policía local sadense ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero Viogen, do Ministerio do Interior. Neste caso, o Concello xa dispón do acordo previo de adhesión ao protocolo establecido entre o Goberno de España e a FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero, que é condición necesaria para a incorporación efectiva.

A segunda e terceira medidas son traballar na constitución en Sada das mesas locais de coordinación policial e de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, nas que están representantes do Goberno municipal, Subdelegación de Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, ademáis de membros dos servizos sociais e doutros estamentos e servizos que poidan gardar relación coa loita contra a violencia de xénero. Estas mesas son órganos prioritarios de comunicación entre tódolos estamentos implicados na protección de mulleres vítimas e na loita contra a violencia machista no eido local.

Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitaría conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que o concello mantén un índice de criminalidade de 28,9 infraccións penais por cada 1000 habitantes, inferior ao provincial e ao galego. No tipo de delictos cometidos, a Garda Civil significou o aumento dos relacionados coas estafas cometidas a través de internet. Ante esta realidade, desenvolverán en próximas datas unha campaña de sensibilización en centros cívicos e sociais para proporcionar ferramentas e consellos prácticos ante este novo tipo de delincuencia.

Por último, a Xunta Local de Seguridade manifestou a súa preocupación polo aumento da siniestralidade viaria nas estradas que dan acceso ao municipio. Neste aspecto, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil incrementará o control en puntos conflictivos desta área para mellorar as cifras.