A Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios anuncia a licitación da obra de adecuación da Unidade de Custodia Hospitalaria para o CHUO

Trátase dunha obra moi demandada e necesaria dende o peche da anterior unidade no Hospital Santa María Nai no ano 2017.

O importe das obras supera os 345.000 euros.

18-12-2019

A Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e da Seguridade do Estado (SIEPSE) iniciou o día 17 de decembro a fase de licitación da obra de adecuación da Unidade de Custodia Hospitalaria (UCH) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), obra que permitirá tanto a mellora da atención hospitalaria aos internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar como do traballo dos axentes da Policía Nacional encargados da súa custodia.

O prazo de presentación de ofertas remata o día 13 de xaneiro de 2020 e a apertura da oferta económica realizarase o día 27 de xaneiro. As obras desta unidade teñen un prazo de execución de cinco meses, ascendendo o seu valor (sen impostos) a 345.496,99 euros.

A Unidade de Custodia Hospitalaria do CHUO constará dun total de catro habitacións e seis camas, dunha sala de espera e dunha zona para o Corpo de Seguridade, sendo a superficie total de 218 metros cadrados.

A Unidade contará con modernos sistemas de seguridade que permitirán o control dos internos e das visitas, garantindo a máxima seguridade e independencia respecto ao resto de zonas do Complexo hospitalario. En todo momento o enfermo está en comunicación co posto de enfermería e co posto de control das Forzas de Seguridade do Estado que o custodian.

A peculiaridade destas áreas de Custodia Hospitalaria fai que sexa preciso combinar a operatividade coa seguridade. O emprazamento da Unidade dentro do hospital e os mínimos detalles precisos para a asistencia sanitaria son estudados pola SIEPSE co obxecto de que non interfiran no desenvolvemento da actividade cotiá do centro hospitalario, ao tempo que se garante aos internos contar con todas as asistencias sanitarias sen necesidade de ser trasladados a outras plantas.

Para a Subdelegación do Goberno en Ourense trátase dunha obra moi demandada, posto que a unidade existente anteriormente no Hospital Santa María Nai quedou fóra de servizo no ano 2017 coa reforma hospitalaria e o traslado aos novos edificios.

Dende a Subdelegación do Goberno agradécese a colaboración e o impulso dado a este proxecto dende o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, dende a Comisaría Provincial da Policía Nacional de Ourense e dende a Xerencia Hospitalaria do CHUO.