Isabel Rodríguez apela á formación para evitar que os menores poñan en risco o seu futuro co uso inadecuado das novas tecnoloxías

Isabel Rodríguez apela á formación para evitar que os menores poñan en risco o seu futuro co uso inadecuado das novas tecnoloxías

04/02/2020


A subdelegada do Goberno participou na entrega de carnets de Ciberexpert@ a escolares do CEIP Sagrado Corazón que recibiron formación da Policía Nacional

A Policía Nacional dá formación a escolares de Lugo sobre os riscos da Internet e as redes sociais, acoso, violencia de xénero ou drogas

Este curso asisten ás charlas da Policía Nacional 3.900 alumnos de todos os centros educativos da cidade


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, chamou a atención hoxe sobre a importancia de que os escolares reciban formación sobre o uso seguro da Internet e das redes sociais para axudalos a evitar riscos que poden marcar para sempre o seu futuro. Isabel Rodríguez, xunto co responsable delegado de Participación Cidadana e responsable do Plan Director da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga, participou hoxe na entrega de carnets aos escolares de 6º de primaria do CEIP Sagrado Corazón que asistiron ao curso de Ciberexpert@.

No acto, a subdelegada advertiu dos riscos que supón para os menores un uso inadecuado das redes sociais e as novas tecnoloxías e agradeceu a implicación das forzas de seguridade e da comunidade educativa na concienciación dos escolares. Neste sentido, a subdelegada destacou o gran labor que están a facer a Policía Nacional e a Garda Civil na provincia a través das actividades que realizan nos centros escolares da provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos.

Esta actividade, que a Policía Nacional imparte en todos os centros escolares da cidade de Lugo que o solicitan, ten o obxectivo de que os alumnos tomen conciencia da trascendencia de usar as novas tecnoloxías, nomeadamente as redes sociais, dun xeito seguro. Trátase de que os menores coñezan os riscos que poden asumir no uso cotiá das TIC e de conciencialos da importancia dunha boa xestión da súa privacidade tanto online como offline.

Ademais de sensibilizalos e coa finalidade de que dispoñan de medios para evitar os graves riscos que pode supoñer un mal uso da internet, nesta actividade transmítese aos menores e ao seu contorno educativo información sobre o uso de ferramentas que lles faciliten unha navegación segura.

As charlas de Ciberexpert@s que imparte en Lugo a Policía Nacional forman parte dunha ampla programación que se desenvolve durante todo o curso escolar na práctica totalidade dos centros educativos do concello dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos.

NESTE CURSO, 130 CHARLAS PARA 3.900 ALUMNOS

Durante este curso escolar, 3.900 alumnos de distintos niveis educativos, desde 4º de Primaria ata 1º de Bacharelato, participan nas distintas actividades programadas pola Policía Nacional en Lugo.

A temática das charlas trata sobre aspectos de especial interese para a infancia e a mocidade como son os riscos da internet e o uso das novas tecnoloxías, o acoso, a violencia de xénero ou o consumo de drogas.

Son en total 130 as charlas para escolares que se van impartir durante todo o curso académico nos colexios da cidade de Lugo, ás que se engaden as programadas para Anpas, e outros colectivos como estudantes universitarios, maiores e asociacións.