Redondela subscribe o protocolo de colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

Redondela subscribe o protocolo de colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

12/01/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Redondela, na que se ratificou o novo protocolo de colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero –Vioxén-, subscrito pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Válcarcel.

Pontevedra, 12 de xaneiro de 2021.- A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Redondela na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero VioXén. O protocolo de colaboración foi asinado pola alcaldesa da localidade, Digna Rivas, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel.

Redondela é o terceiro concello da provincia que procede a renovación deste documento, o primeiro trámite, e fundamental, que deben formalizar todos aqueles  municipios que desexen permanecer dentro do sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais.

Maica Larriba quixo agradecer “o compromiso do Concello de Redondela e da súa alcaldesa, que hoxe converteu a este concello no terceiro da provincia en renovar o protocolo do Sistema VioXén, así como a labor da Policía Nacional, que traballa arreo na protección de todas as mulleres da provincia vítimas de malos tratos”. A subdelegada lembrou a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

Segundo os datos recollidos no Sistema VioXén, en Redondela contabilízanse a día de hoxe 41 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 75 % dos casos activos en todo o partido xudicial, que aglutina o 2,76 % das denuncias rexistradas na provincia no 2021. O 68 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos.

O Sistema VioXén

O Sistema VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.