A Subdelegación do Goberno coordina a través do CECOR novos dispositivos para aplicar as medidas adoptadas pola Xunta en materia COVID

A Subdelegación do Goberno coordina a través do CECOR novos dispositivos para aplicar as medidas adoptadas pola Xunta en materia COVID

21/01/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se perfilaron os operativos de control das próximas semanas, que vixiarán especialmente os peches perimetrais e o cumprimento das restricións na hostalaría.

Pontevedra, 21 de xaneiro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. A reunión tivo lugar para analizar as novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia que hoxe entraron en vigor. Na provincia de Pontevedra son 38 os concellos afectados polo máximo nivel de restricións: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Catoira, Crecente, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia,O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa, e Vilanova de Arousa.

Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Co gaio de garantir o cumprimento das medidas ditadas pola Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno continuará coordinando a actividade dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que ademais, seguirán traballando conxuntamente coa Unidade da Policía Autonómica na vixilancia e control das novas restricións impostas.

Entre o 14 e o 19 de xaneiro as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado levaron a cabo na provincia de Pontevedra 689 dispositivos de control e vixilancia nos cales participaron 1.485 efectivos, se identificaron 13.292 persoas, se controlaron 9.279 vehículos, se elevaron 277 propostas de sanción e se realizou unha detención.  

Pola súa banda, a Unidade da Policía Autonómica informou que neste mesmo período de tempo organizou 110 dispositivos nos que participaron 205 efectivos. Nestes controis identificáronse a 1.311 persoas, controláronse 640 vehículos e impuxéronse un total de 57 sancións.

Seguindo o acordado na última reunión deste organismo, a Garda Civil reforzou tamén nesta última semana a vixilancia nos diferentes pasos fronteirizos da provincia. En total, leváronse a cabo 60 dispositivos móbiles, nos que se identificaron 1.200 persoas, se controlaron 1.025 vehículos e se elevaron 14 sancións. Segundo informaron os responsables da Garda Civil, o fluxo de persoas procedentes de Portugal reduciuse nestes días a niveis case  anecdóticos debido ao confinamento domiciliario e os peches perimetrais decretados no país veciño.

Larriba insistiu en que “aínda que as cifras amosan un alto grao de cumprimento e responsabilidade, é necesario continuar coa labor de control e vixilancia policial xa que estamos a vivir un momento crítico na loita contra o virus”.  

Para iso, na reunión do CECOR acordouse reorientar os dispositivos policiais de acordo coas novas medidas aprobadas pola Xunta, de tal maneira que se reforzarán os operativos centrados no correcto cumprimento dos peches perimetrais e na vixilancia do cumprimento da normativa nos locais hostaleiros.

Por último, a subdelegada pediu a todos e todas os veciños e veciñas de Pontevedra que non baixen a garda e que sigan todas as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias. “Reducir as cifras de contaxios está nas nosas mans”, concluíu.