Isabel Rodríguez informa de que 4.000 lucenses perciben o Ingreso Mínimo Vital, que este mes supera os 968.000 euros de importe na provincia

Imagen reunión Seguridad Social

23/02/2021

 A subdelegada do Goberno considera que a creación desta prestación para garantir unha renda mínima as persoas vulnerables é un dos maiores avances sociais dos últimos anos en España
 O Ingreso Mínimo Vital chega a 2.215 adultos e 1.807 menores na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que 4.022 cidadáns da provincia perciben o Ingreso Mínimo Vital e o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social abónalles este mes un total de 968.446 euros. A subdelegada facilitou estes datos logo da xuntanza de traballo que mantivo por vía telemática co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude.

 

Isabel Rodríguez afirmou que un dos maiores avances sociais dados en España nos últimos anos é a creación desta prestación do Ministerio de Inclusión e Seguridade Social dirixida á prevención do risco de pobreza e exclusión social.

 

A subdelegada lembrou que o Ingreso Mínimo Vital foi creado o ano pasado polo Goberno, que aprobou a nova prestación a finais do mes de maio coa finalidade de garantir un nivel mínimo de renda ás persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade económica.

 

En canto á idade dos perceptores na provincia, a subdelegada detallou que os beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital son 2.215 adultos e 1.807 menores de idade.

 

O Ingreso Mínimo Vital, que está acompañado por un itinerario de inserción laboral, diríxese a persoas que estean en situación de vulnerabilidade económica. En función das circunstancias de cada fogar, esta prestación garante uns ingresos anuais de 5.639,20 a 13.646,86 euros (de 469,93 a 1.137,24 euros ao mes).

 

A subdelegada tamén explicou que a posta en marcha da nova prestación, en plena pandemia, supuxo un extraordinario esforzo para o persoal da Seguridade Social na provincia.

 

Pola súa parte, o director provincial do INSS e da TXSS lembrou que para dar maior difusión á nova prestación realizáronse na provincia o ano pasado xornadas formativas dirixidas a persoal dos servizos sociais municipais, en colaboración co Concello de Lugo e coa Deputación provincial.