Javier Losada destaca que a criminalidade en Galicia pecha o ano 2020 consolidando a mellor cifra da última década

24/02/2021

“O descenso acada o 18,3% nos delitos que xeran maior preocupación entre a cidadanía”, indica

Entre xaneiro e decembro de 2020 coñecéronse en Galicia 6.314 infraccións penais menos que no ano anterior

A criminalidade baixa en tódalas provincias galegas, sendo más significativa no caso da Coruña, que baixa tres puntos

Galicia, cunha taxa de 27,3 infraccións penais por 1.000 habitantes, mantén a súa posición como cuarta comunidade máis segura de España


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe que a taxa de criminalidade da comunidade finalizou o ano 2020 consolidando o descenso de meses anteriores e acadando a mellor cifra dos últimos dez anos con  27,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 2,3 puntos menos que no ano anterior. Estas cifras recóllense no balance de criminalidade do cuarto trimestre do ano.

Javier Losada resaltou que Galicia continúa como cuarta Comunidade máis segura do Estado, cunha taxa que está dez puntos por baixo da media española. A nivel provincial, tódalas provincias acadan importantes descensos, máis destacable no caso da Coruña, onde a taxa baixa ata o 28,7 (infraccións penais por 1.000 habitantes), 3 puntos menos respecto ao periodo anterior. Pontevedra acumula un descenso de 1,8 puntos ata os 28,8 casos por cada 1.000 habitantes. En canto a Lugo, descende 1,6 puntos ata o 21,1, e Ourense, rexistra 2,3 puntos menos ata 24,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.

A taxa de criminalidade en Galicia descende en paralelo á diminución de infraccións penais acumuladas. Entre xaneiro e decembro do pasado ano os casos coñecidos polos Corpos e Fozas de Seguridade en Galicia foron 80.024, un 7,9% menos que no ano 2019 (6.314 infraccións menos). Javier Losada salientou que da totalidade de infraccións penais, as cateogorías principais descenderon máis dun 18%: “falamos de delitos moi graves ou graves que provocan maior preocupación entre a cidadanía como os roubos con violencia ou forza, os homicidios, os delictos de tipo sexual e os furtos”.

En canto á tipoloxía dos delitos, o delegado do Goberno apunta que os maiores descensos dánse en roubos e furtos. Tamén diminúen os delitos contra a liberdade sexual e os homicidios que descenden máis dun 31%.

Pola contra, aumentan as infraccións penais de tipo económico. Javier Losada volveu advertir sobre o crecemento das estafas, principalmente as de tipo bancario e os delictos vencellados ao branqueo de capitais.