Emilio González reúnese con representantes da Asociación Por Eles TEA Ourense

Emilio González reúnese con representantes da Asociación Por Eles TEA Ourense

31/03/2021

A Subdelegación do Goberno en Ourense iluminará a súa fachada de cor azul con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo que se celebra o vindeiro 2 de abril


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo esta mañá un encontro coa vicepresidenta da Asociación Por Eles TEA Ourense, María Losada, e co vogal da xunta directiva, Óscar Pérez, para coñecer o traballo que este colectivo realiza a favor das persoas que presentan trastorno do espectro autista, así como dos seus familiares.

O subdelegado do Goberno subliñou que o encontro enmárcase na próxima conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra o vindeiro 2 de abril, e ao que a Subdelegación do Goberno se sumará mediante a iluminación da fachada da súa sede de cor azul.

Os representantes da Asociación Por Eles TEA Ourense presentáronlle ao subdelegado do Goberno as actividades que desenvolverán durante o mes de abril, entre as que se atopa a formación a alumnado que cursa estudos na Universidade de Vigo e a campaña solidaria que se levará a cabo nos primeiros días do mes coa colaboración de máis de sesenta establecementos comerciais do concello de Ourense, contribuíndo a visibilizar o traballo da entidade.

Emilio González destacou a labor realizada dende a asociación, “xa que ofrece ferramentas que son vitais para mellorar as cotas de benestar social das persoas con trastorno do espectro autista” e mostrou a súa disposición para colaborar con este colectivo naquelas competencias propias da administración central.

A Asociación Por Eles TEA Ourense é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 2018 por familias de persoas con trastorno do espectro autista que desenvolve programas e proxectos para promover e mellorar a calidade de vida das persoas que presentan este trastorno ao longo de toda a etapa vital, ademais de ofrecer apoio e intervención familiar individualizada.