A subdelegada do Goberno reúnese co alcalde de San Tirso de Abres para estudar proxectos de mellora das comunicacións neste concello

Imagen reunión San Tirso de Abres

13/04/2021

 Isabel Rodríguez e Clemente Martínez anuncian a cesión ao Concello dun treito da antiga N-640, unha vez que sexa solicitada oficialmente


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de San Tirso de Abres, Clemente Martínez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo para avanzar en varios proxectos de interese para este concello asturiano que son competencia da unidade de Estradas da provincia de Lugo. Na reunión, que tivo lugar na Subdelegación do Goberno, tamén participaron a xefa da unidade de Estradas, Beatriz González, e o segundo tenente de alcalde de San Tirso de Abres, Fernando Asenjo.

 

A subdelegada e o alcalde anunciaron que se acordou a cesión ao municipio dun treito da antiga N-640 á altura do núcleo de Foxas, que se tramitará para facela efectiva en canto o Concello presente oficialmente a solicitude.

 

O alcalde interesouse, tamén, pola posibilidade de que o paso da senda verde do ferrocarril discorra por debaixo da devandita vía. Ao respecto informouse de que a unidade de Estradas está disposta a autorizar que se realice ese proxecto previa solicitude polo Concello.

 

Ademais, abordáronse outras melloras nas comunicacións deste municipio como poden ser a construción de dúas rotondas de acceso a San Tirso de Abres na N-640. Para unha delas, na saída da localidade en dirección cara Ribadeo, xa está redactado o proxecto e anunciouse que se executará tan pronto o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

 

Na xuntanza, o alcalde tamén plantexou a posibilidade de crear unha segunda rotonda no acceso a San Tirso desde Lugo. En relación con esta proposta, acordouse que se porán en marcha os estudos necesarios para determinar a súa viabilidade.