Maica Larriba anuncia a apertura dun posto da Garda Civil en Bueu

Maica Larriba anuncia a apertura dun posto da Garda Civil en Bueu

15/04/2021

A subdelegada do Goberno reuniuse hoxe co alcalde da localidade, Félix Juncal, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, para ultimar os detalles da apertura dun punto de información á cidadanía no municipio.

Pontevedra, 15 de abril de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, para ultimar os detalles da instalación dun posto de atención á cidadanía da Garda Civil na localidade.

O novo posto situarase nun local cedido polo Concello de Bueu na antiga Casa do Mar, edificio que na actualidade alberga tamén as instalacións da Policía Local. Durante a reunión, o alcalde, Félix Juncal, comprometeuse a adecuar as novas dependencias antes da temporada estival.

Tal e como explicou a subdelegada, “o desexo é que Bueu poida contar con este novo punto de atención á cidadanía no verán, xa que o municipio durante estes meses rexistra unha importante actividade turística”.

Bueu é o único concello da comarca que non dispón dun posto da Garda Civil no propio termo municipal. Non obstante, Larriba lembrou que “na actualidade prestan este servizo os postos de Moaña e Marín, garantindo con éxito a seguridade na vila”.

A subdelegada amosou a súa satisfacción por este acordo, xa que “permitirá achegar os servizos que presta a Garda Civil á cidadanía de Bueu”. Larriba quixo, así mesmo, salientar “o importante labor que está a desempeñar este corpo no control e prevención da actual crise sanitaria”. A súa presenza na vila contribuirá “a levar a cabo, con éxito, as campañas de información, control e prevención asociadas á COVID-19 durante o verán, creando un municipio más seguro”.