O Goberno inviste case medio millón de euros en Portomarín dentro do programa de melloras no Camiño de Santiago

15/04/2021

 Isabel Rodríguez destaca o compromiso do Goberno coa promoción do Camiño ao seu paso pola provincia de Lugo
 A subdelegada do Goberno visitou dúas obras que está executando en Portomarín o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana
 O Ministerio constrúe un Centro de atención a visitantes no castro de Castromaior e leva a cabo a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes que o Concello dedicará a centro sociocultural
 Está previsto que as dúas actuacións rematen para o verán


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a implicación do Executivo de Pedro Sánchez na promoción e posta en valor do Camiño de Santiago durante unha visita que efectuou a Portomarín, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Juan Carlos Serrano. A subdelegada desprazouse esta mañá a Portomarín para comprobar a marcha das actuacións que está executando neste municipio o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

Isabel Rodríguez subliñou que dentro das iniciativas do Goberno en apoio do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo figura o investimento de case medio millón de euros en Portomarín. Explicou que neste concello estase traballando en dous relevantes proxectos que foron incluídos no programa de intervencións de interese cultural no Camiño Francés a Santiago que está a desenvolver a Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio coa previsión de que estean rematados para o próximo verán.

 

A subdelegada comezou a visita comprobando o estado dos traballos que está a realizar o Ministerio para a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes, que teñen un presuposto de 156.494 euros, e posteriormente visitou as obras de construción do Centro de visitantes do castro en Castromaior, tamén financiado integramente polo Goberno e que supón un investimento total de 312.979 euros,  284.041 euros correspondentes ás obras e outros 28.938 do proxecto.

 

PAZO DO XENERAL PAREDES

 

O Pazo do Xeneral Paredes ou casa do Conde da Maza, chamado antigamente Casa Grande, é un edificio singular de Portomarín que está situado a carón da Casa do Concello. Data do século XVI e foi propiedade do Conde de Taboada, tamén co apelido de la Maza, descendente dunha antiga e dilatada dinastía de militares. .

 

As obras que se están a realizar teñen por obxecto a rehabilitación do inmoble para acondicionalo coa finalidade de albergar un centro sociocultural, no que os veciños poidan realizar diversas actividades tal como ten previsto o Concello.

 

Esta actuación inclúe a realización de traballos de demolición de tabiquerías, a fin de adaptar a súa distribución para o uso público socio-cultural, turístico e/ou deportivo. Así crearanse novas estancias, renóvanse chans, teitos, paramentos verticais e carpintería interior. Tamén está prevista a creación de vestiarios e aseos adaptados, así como a renovación das instalacións eléctricas, de calefacción e de fontanería.

 

CENTRO DE VISITANTES DO CASTRO

 

O núcleo de Castromaior alberga un dos maiores castros de Galicia. Se ben orixinalmente o Camiño de Santiago atravesaba o castro, hoxe o seu trazado discorre paralelo á estrada nacional con evidente risco para os peregrinos. Esta actuación propón retomar o trazado orixinal, mediante a execución dunha pequena instalación de recepción e información para os visitantes.

 

A actuación consiste na execución dun pequeño equipamento público que conste dun espazo de adro para a recepción de visitantes e peregrinos, dúas salas de exposición e un área de arqueoloxía, de acceso restrinxido aos arqueólogos que realicen excavacións no castro.

 

O proxecto consiste na construción dunha estrutura en pranta baixa que se dispoña sobre o terreo con muros portantes de formigón armado cun espesor 43 e 70 cm que sirvan para o apoio das cubertas superiores, dispostas en dous niveis.

 

A proposta, que supón a creación dun equipamento público sen grandes custes de mantemento, tamén ordenará a parcela para permitir un aparcamento para coches e autobuses.

 

O centro de visitantes estase construindo nunha parcela de 5.500 m2 próxima a Castromaior, que é lindeira co Camiño de Santiago en dirección a Palas de Rei.